Actualidade Os xogos de Stadia non serán máis baratos que os de consola

Os xogos de Stadia non serán máis baratos que os de consola

Stadia, a futura plataforma de xogo na nube de Google, chegará este novembro, e, aos poucos, vanse ofrecendo máis detalles sobre como funcionará e que ofertará.

Unha das preguntas máis habituais recae sobre o catálogo que terá e canto custarán os seus xogos. No seu último directo, os responsables da plataforma aclararon que Stadia virará ao redor da idea de alugar unha consola ou un equipo que faga funcionar os xogos, chegando a nós unha imaxe sen retardo do que está a reproducir unha máquina a quilómetros de distancia. Si haberá un catálogo inicial, unha serie de xogos dispoñibles, pero tamén haberá que pagar individualmente por outros.

Aspecto do controlador oficial de Stadia.

Que prezo terán esas obras? Phil Harrison, responsable de Stadia, confirmou que os xogos da súa plataforma custarán o mesmo que noutras opcións de mercado como PlayStation 4 ou Xbox One. «Non sei por que deberían ser máis baratos», explica Harrison nunha entrevista con Eurogamer UK. «O valor que recibes dun xogo de Stadia é que podes xogar en calquera pantalla da túa vida, a televisión, o PC, o portátil, a tableta, o teléfono…»

Stadia estará dispoñible a través de dúas opcións: unha subscrición mensual de 9,99 euros este mesmo ano, ou unha gratuíta que sairá en 2020. Stadia Pro permitiranos acceder a unha librería que irá medrando de videoxogos con resolución 4K, que inclúe Destiny 2, mentres que con Stadia Base correrán a 1080p e non terá acceso á librería de títulos.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *