Overkill’s The Walking Dead será cancelado para consolas e suprimido en PC

Overkill’s The Walking Dead será cancelado para consolas e suprimido en PC

Montaña rusa de decisións ao redor de Overkill’s The Walking Dead. Fai xusto sete días Sony dicía que o título fora cancelado. Logo 505 Games, a súa editora, dicía que non. Hoxe, Skybound Entertainment, posuidora dos dereitos da franquía de The Walking Dead confirma nun comunicado que rompe o contrato que mantiña con Starbreeze Studios, os deseñadores do xogo, o que derivará na cancelación total de Overkill’s The Walking Dead.

“No día de hoxe, rescindimos o noso contrato con Starbreeze Studios e cancelamos Overkill’s The Walking Dead”, reza a nota de Skybound Entertainment. “Demos o mellor de nós para traballar con Starbreeze, solucionamos moitos dos problemas cos que topamos no xogo, pero definitivamente Overkill’s The Walking Dead non cumpriu cos nosos estándares nin coa calidade que prometeron inicialmente. Lamentamos de verdade todo o sucedido e compartimos esta decepción dos fans co xogo”.

O xogo non cumpriu nin as expectativas de vendas nin de calidade.

As versións de Xbox One e PS4 xa estaban en coma debido a un atraso indefinido no seu lanzamento, polo que o que máis sorprende é comprobar que a de PC, en Steam, tamén desaparecerá ao deixar de ter soporte. O xogo chegou xunto coa a promesa de nove episodios adicionais ao longo dunha segunda tempada de contidos prevista para xuño para todos aqueles que adquirisen a Deluxe Edition. Parece que non será viable tal feito xa que segundo Starbreeze, o título desaparecerá da plataforma de Valve “nun futuro próximo”.

Mikael Nermark, CEO interino de Starbreeze, di que está en conversas con Skybound para permitir que se poida completar a nova tempada. Calquera novidade sobre este asunto, sinala, será comunicada rapidamente aos xogadores.

Un novo golpe para Starbreeze que non pasa por unha boa situación económica. Se xa o desenvolvemento de Overkill’s The Walking Dead foi un camiño asfaltado con problemas, esta crónica dunha morte anunciada é a proba empírica da caída en desgraza do estudio.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados