Overwatch 2 avanza e preséntalle ao público novos detalles e características

Blizzard ofreceu este xoves un directo especial con Overwatch 2 como protagonista indiscutible. A continuación do popular multixogador foi presentada hai xa ben tempo, pero os detalles sobre a súa evolución son mínimos. O que foi GOTY do 2016 contará cunha secuela que busca cambiar as cousas, ser diferente, non ser unha mera actualización grande. Como? Iso é o que quixeron responder onte os seus responsables.
A novidade máis rechamante é que as partidas contarán con menos xogadores, é dicir, os enfrontamentos pasarán dun 6 vs 6 a un 5 vs 5, un competidor menos por equipo. A idea é mellorar e aumentar o protagonismo de todos os personaxes, como por exemplo dos tanques, que xa non se dedicarán só a defender. Todas as clases terán habilidades pasivas, mantendo as coñecidas activas, na procura de engadir profundidade e dinamismo ás partidas.
Doutra banda, tamén puidemos ver novos mapas: Monte Carlo, Toronto, Nova Iorque, Río… novos enclaves nos que buscar novos retos. E os modos de xogo? O modo de Asalto, por exemplo, desaparecerá do Xogo rápido e de Competitivo, aínda que se manterá dispoñible para xogar. Alén deste modo, Blizzard explica que está a traballar en incluír novos formas de xogar, malia que non especificou como se materializarán estas ideas.
Tamén haberá, claro, modo historia, e a compañía xa avisa que non todos os mapas formarán parte do mesmo. É de supoñer que haberá algunha que outra sorpresa. A continuación tes unha partida completa: