Actualidade Overwatch 2 terá unha beta pechada no mes de abril

Overwatch 2 terá unha beta pechada no mes de abril

Activision Blizzard anunciou oficialmente o lanzamento dunha beta pechada para Overwatch 2, na que tamén coñeceremos un novo personaxe co que xogar.

O director Aaron Keller explica nun diario de desenvolvemento que están a crear «algo que vos vai encantar». Así, no mes de abril un pequeno grupo de xogadores poderá comezar a probar o novo título de Activision Blizzard. Todo aquel que queira probar sorte e pon o seu nome na listaxe para formar parte da nomeada proba pode facelo a través da web oficial.

«Queremos agradecerlles aos nosos xogadores o seu apoio continuado. Recoñecemos que non fomos quen de comunicar ben, non vos tivemos ao día e, a verdade, decepcionámosvos no que respecta ao desenvolvemento do contido de Overwatch», recoñece Keller. «Após a primeira beta pechada estamos a proxectar máis probas públicas PvP, con novas características, novos mapas e si, novos heroes».

Overwatch 2 adiouse o pasado mes de novembro até 2023, xunto con Diablo IV. Terá versións para PlayStation 5, Xbox Series X|S, PlayStation 4, Xbox One, Nintendo Switch e PC.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.