Actualidade Overwatch 2, unha realidade cada vez máis filtrada

Overwatch 2, unha realidade cada vez máis filtrada

Días de emoción para unha Blizzard que nun par de días celebrará o seu evento anual, unha cita chamda BlizzCon na que está en xogo moito máis do que lle gustaría á compañía, após os grandes anuncios da competencia e a falta de sorpresas cara a unha comunidade de xogadores que estaba afeita a vivir fitos da historia do videoxogo grazas a ela. A empresa americana querer sobrevivir a unha mala serie de decisións, e que podería disipar cos anuncios que realice esta fin de semana. Polo momento, como é habitual, as filtracións xa comezaron a disparar a expectación. Overwatch, ou máis ben, a súa continuación, elévase como un dos buques de salvamento.

Para moitos, Overwatch 2 é unha realidade máis que asegurada e que será presentada ao longo da BlizzCon. Medios como ESPN comentaron e expuxeron os detalles cos que contará o novo título. Ben é certo que non se sabe se será un xogo como tal ou unha expansión de grandes dimensións. O que si estaría apontoando por todas as filtracións é a inclusión dun modo PvE.

Derradeira ilustración filtrada pola prensa internacional.

Doutra banda, tamén se introduciría un modo historia que podería ser xogado por catro usuarios á vez. Ademais, lanzarase un modo competitivo designado Push. Blizzard é unha tumba. Nada saíu oficialmente dos seus despachos e, por motivos evidentes, non o fará até a presentación programada. Por suposto, haberá un novo mapa e un novo heroe, algo que encaixa coa última filtración, a dunha enorme ilustración con Echo, o rumoreado personaxe que estaría por chegar.

Do mesmo xeito, tamén comezou a desfilar pola Rede o logotipo que ilustrará esta nova etapa —ou título—. O anuncio da seguda parte trataríase dun movemento curioso por parte da compañía, que vén de publicar o xogo orixinal en Nintendo Switch. Máis aló disto, habería que empezar a entrever que quizais Blizzard opte por seguir os pasos de Call of Duty, procurando realizar unha franquía en base a títulos e asumir o fracaso do xogo servizo como tal. Overwatch foi un éxito, indiscutíbel; pero que a súa saúde non se mantivo no tempo tal e como a compañía tiña en mente, tamén é un feito.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.