Actualidade Overwatch permitirá ver repeticións de partidas

Overwatch permitirá ver repeticións de partidas

Blizzard vén de actualizar o Reino Público de Probas de  Overwatch cunha nova característica, as repeticións de partidas. Se xogas dende PC, podes dende xa descargar esta versión do título na pestana de rexión/conta de Battle.net. Esta opción aínda non está dispoñible en consolas, aínda que é de supoñer que pronto será habilitada.

A partires de agora os usuarios poderán visualizar calquera das súas dez últimas partidas, e mesmo ter control sobre as imaxes que vaian pasando, retardando ou acelerando a reprodución, cambiando a vista entre primeira e terceira persoa, ou fixando unha cámara estática xusto onde queiran para ver a acción desde ese ángulo.

Esta opción de visionado é habitual noutros xogos multixogador, polo que non é unha sorpresa a súa inclusión en Overwatch, aínda que  si é de agradecer. Seguro que pronto veremos auténticas obras de arte feitas por aqueles que consigan sacarlle o maior partido a estas repeticións.

Un paso polo Taller

Doutra banda, esta semana tamén se incluía oficialmente o modo ‘O Taller‘, un espazo de creación para os xogadores que multiplica as posibilidades do xogo nas plataformas de PC e PlayStation 4 (a versión de  Xbox One deberá agardar un pouco).

Este obnradoiro ofrece unha serie de ferramentas aos xogadores a través dunha versión simplificada da linguaxe de programación que utiliza o título de Blizzard. Así, pódese modificar a base do xogo na procura de novas opcións e modos de competición. As regras pasamos a poñelas nós en todos os apartados: dano das habilidades, movementos imposibles, cambios nos textos, obxectivos a cumprir…

Por suposto, non tardou en aparecer un modo battle royale, ao que xa se pode xogar e que ofrece as características típicas do xénero: unha néboa letal que vai facendo o mapa máis pequeno, loot espallado polo chan, etc.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.