Actualidade Pac-Man celebra o seu 40 aniversario coa chegada de Pac-Man Live Studio a Twitch

Pac-Man celebra o seu 40 aniversario coa chegada de Pac-Man Live Studio a Twitch

Hoxe é o aniversario dun dos títulos máis ilustres da industria. Pac-Man cumpre 40 anos ofreceendo unha proposta única, referente na historia dos videoxogos. Por mor disto, Amazon Game Studios vén de anunciar a chegada de Pac-Man Live Studio, un título multixogador cooperativo para Twitch. Será a partir de xuño cando poderemos gozar desta nova revisión do clásico no que non será preeciso realizar descargas para xogalo. O mellor? Que tamén poderemos deseñar os nosos labirintos para compartilos coa comunidade.

Dous modos estarán dispoñíbeis. Na modalidade clásica poderemos xogar ao título orixinal de 1980 pero teremos que competir contra outros xogadores repartidos por todo o mundo, tentando conseguir a maior puntuación posíbel. Doutra banda, o modo infinito ofrécenos unha única vida por nivel para completar os labirintos xunto cos teus compañeiros.

Porén, a funcionalidade máis interesante atópase nese xa sinalado editor de labirintos, no que poderemos modificar aspectos como as froitas, a enerxía que proporcionan as pílulas ou o deseño dos corredores.

Os clásicos nunca morren e un novo enfoque os pode traer de volta á acción.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.