Palworld, a estraña e tola mestura entre Fortnite e Pokémon

O titular di Pokémon e Fortnite, mais na realidade é difícil saber que non hai en Palworld, o novo proxecto de Pocketpair, responsables de Craftopia. Anunciado a través dun adianto audiovisual hai uns días, o vídeo xerou verdadeiro interese polas redes sociais. O motivo? O estraño da súa proposta: un RPG de acción, con elementos de shooter, pero claramente inspirado na idea do mundo Pokémon. Hai que velo para entendelo (ou non).
No seu primeiro tráiler, Palworld empeza sendo unha revisión da franquía de Nintendo, pero pronto se volve unha idea bastante turbia se é mirada con lupa, pois poderemos encargar ás criaturas deste mundo realizar tarefas bastante pesadas, o que algúns xa sinalaron como unha especie de escravitude. Por non esquecer o feito de usalos como escudos perante as balas. É difícil discernir se todo é unha xenialidade ou unha tolemia.
Así, haberá acción, construción, disparos, cría, combates… E un modo multixogador cooperativo e competitivo no que poderemos convidar os amigos para partir nunha mesma aventura ou combater directamente contra outros xogadores. Polo momento, o seu lanzamento está previsto para o próximo ano, aínda que se descoñecen as súas plataformas. PC si, pois hai ficha en Steam.