Söderlund, ex xefe de EA Studios, presenta Embark Studios e o seu primeiro proxecto

Söderlund, ex xefe de EA Studios, presenta Embark Studios e o seu primeiro proxecto

O ex xefe de EA Studios, Patrick Söderlund revelou o seu presente e futuro: a fundación de Embark Studios, que conta xa con máis de 50 empregados, así como a posta en marcha do seu primeiro título. O estudio en Estocolmo traballa nun prototipo que “cambiará e evolucionará” segundo o progreso, descrito coma un xogo de acción cooperativa  free to play ambientado nun futuro distante, no que a colaboración é esencial para superar os problemas.

O motor gráfico que utilizarán é o Unreal Engine 4. Embark Studios preséntase ao mundo cunha proba de terreo creada por tres persoas en tres semanas. Utilizaron datos reais escaneados, colocación de obxectos mediante diversos procedementos e algunhas outras ferramentas das que dispoñen. Non é ningún tipo de anuncio oficial do xogo, pero si unha ollada á mestría que posúen coa tecnoloxía de Epic Games.

Os concept art do novo título amosan unha idea do que teñen pensado dende o estudio.

Söderlund comenta que un estudio pequeno como o seu non aspira a crear algo grande e complexo que poida ter éxito. “No seu lugar, centrámonos en ter algo rápido sobre o que se poida construír, un xogo divertido que se é popular podamos expandir con deseños e funcións que nos acheguen á nosa visión a longo prazo”.

“Nos próximos meses, imos compartir máis cousas da nosa viaxe, os retos, os problemas que con sorte resolveremos, e o que aprendamos no noso camiño. E no seu momento, se todo vai ben, teredes o anuncio oficial“. Aquí deixámosvos un vídeo que amosa do que son capaces tres dos seus traballadores.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados