Actualidade Phil Spencer di que «non hai nada que indique que non imos chegar á data» de lanzamento de Xbox Series X

Phil Spencer di que «non hai nada que indique que non imos chegar á data» de lanzamento de Xbox Series X

O brote de coronavirus está a causar numerosas dificultades na industria do videoxogo, como por exemplo, no referente ás datas de lanzamento de moitos títulos. Malia que algunhas obras tiveron que pospoñer a súa chegada, non semella que este vaia ser o caso con Xbox Series X. «Agora mesmo non hai nada que indique que non imos chegar á data que planeamos», asegurou Phil Spencer, nunha entrevista concedida a IGN.

Aínda que a consola de nova xeración de Microsoft ten previsto o seu lanzamento para finais do 2020, o propio responsábel de Xbox indica que a seguridade dos seus equipos será a prioridade máxima. «Non tomarei ningunha decisión, nin ninguén en Microsoft me pediría que o fixese, que comprometa a seguridade dos equipos polo beneficio económico a curto prazo dun produto».

Durante a entrevista, Spencer sinalou que as fábricas chinesas onde se fabrica Xbox Series X están xa en funcionamento e ademais apuntou que o prezo final da consola aínda non está decidido e que é «flexíbel» de aquí á súa chegada.

Xbox Series X contará con retrocompatibilidade total coas anteriores xeracións de Microsoft.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.