Actualidade Phil Spencer pide desculpas pola falta de stock de Xbox Series X|S

Phil Spencer pide desculpas pola falta de stock de Xbox Series X|S

Malia que na teoría Xbox Series X e S están xa polas tendas de todo o mundo, mercar unha destas novas máquinas pode ser máis difícil do que un pensa. Pode haber excepcións, pode que ti posúas algo de sorte, pero a maioría das consolas teñen xa un dono adxudicado antes de entrar pola porta da tenda. Tim Stuart, directivo de Microsoft, comentaba nas súas últimas declaracións que esta situación é posible que dure ata marzo.

Phil Spencer tamén quixo tratar o tema, pedindo desculpas por esa falta de stock. O director da marca Xbox participou nun directo recente da GlitchCon onde comentou a estrea do novo sistema e a súa enorme acollida. «Estivemos fabricándoas por case dous meses xa, e tratando de levar ás tendas tantas como nos é posible, pero a demanda simplemente é demasiado alta».

Por suposto, parte da culpa desta falta de unidades está relacionada coa pandemia mundial provocada polo coronavirus, que trouxo consigo diversos problemas a nivel loxístico. Alén disto, Spencer asegura estar contento co traballo realizado e eloxiou o labor de todos os equipos implicados no lanzamento de Series X|S. Polo momento, non hai cifras oficiais de vendas, aínda que o propio director matizou que a nova máquina xa era a consola máis vendida da historia Xbox nas súas primeiras 24 horas.

E os prezo dos videoxogos?

Son días de actividade para a marca de Microsoft. Tim Stuart, director financeiro de Xbox, tamén deixou nestas últimas horas unhas declaracións interesantes, onde abre a porta a unha subida de prezos nos xogos da compañía. «Coido que aínda non imos facer anuncios específicos sobre os prezos dos first party. […] así que o anunciaremos ao seu debido tempo». Como xa sabemos, PlayStation 5 si subiu os seus prezos até os 79,99 euros para as estreas desta clase.

«Os prezos non subiron desde hai un par de xeracións, polo que non é raro ver que sucedan cousas como esta», explica Stuart. O director insistiu en que os custos agora son máis altos e iso debe ser tido en conta: «Os custos de creación de contido aumentan. E estes editores e creadores de contido, incluíndonos a nós, queremos asegurar que se están xerando os perfís de marxe bruta correctos e os perfís de ingresos correctos para o que custa facer estes novos e incribles xogos». Toca agardar para ver se se produce o aumento, ou non.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.