Actualidade Plague Inc. recibirá un modo de xogo para evitar a expansión de enfermidades

Plague Inc. recibirá un modo de xogo para evitar a expansión de enfermidades

Plague Inc., o título creado por Ndecmic Creations, recibirá proximamente un novo modo de xogo que permitirá aos xogadores deter unha pandemia a nivel mundial. Este modo contrasta coa mecánica habitual do título, que consiste en crearmos unha crise sanitaria a través de virus.

Para levar a cabo este novo engadido, a desenvolvedora está a recibir axuda de expertos de diferentes organizacións como a Rede Mundial de Alerta e Resposta ante Brotes Epidémicos. As mecánicas principais que atoparemos estarán relacionadas con evitar o progreso da enfermidade, así como realizar os coidados sanitarios e corentenas recomendadas. Sen data de lanzamento concreta, será totalmente gratuíto para os usuarios.

«Xamais imaxinei que o mundo real se parecería tanto a Plague Inc. e que podería servir como axuda para atravesar unha pandemia real», declarou James Vaughan, creador da obra. Alén, o estudio tamén anunciou a doazón de 250.000 dólares para a Coalition of Epidemic Preparedness Innovations e o fondo contra o coronavirus da Organización Mundial da Saúde.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.