Planet Zoo, a arca de Noé que constrúe Frontier
Frontier Developments gañouse a súa propia vitrina de recoñecementos a base de notables videoxogos. O estudo británico, fundado no ano 1994, sempre sentiu unha atracción particular polos títulos de xestión de parques temáticos. Planet Coaster, dá boa conta diso; tamén o recente Jurassic World Evolution, último título dunha compañía que xa dá emprego a catrocentas persoas. A franquía creada por Spielberg recibiu un excelente videoxogo no que o xogador dá cabida nunha mesma illa a dinosauros e visitantes. Tamén está presente esa epopea espacial que é Elite: Dangerous, cuarta entrega da saga Elite, na que os usuarios se poñen aos mandos dunha nave espacial coa idea de explorar a galaxia.
Pero os británicos queren volver á Terra. A un planeta sen criaturas creadas mediante enxeñería xenética. A aposta de Frontier pasa polo coidado e a protección dos animais que aínda percorren os nosos desertos e sabanas, montañas e bosques. Planet Zoo, é o nome do seu novo xogo de xestión.
Non é a primeira vez que o estudo inglés se achega a esta temática, tocada xa en Zoo Tycoon no 2013. Agora ben, o salto gráfico e mecánico preséntase tan enorme que mesmo simula absurdo comparalo. «Este é o xogo de xestión de zoos que quixemos facer durante moitos anos», afirma Jonny Watts, director creativo de Frontier. «Desafiámonos a nós mesmos a mellorar os xogos que fixeramos antes e a levar ao futuro o legado de clásicos como a saga Zoo Tycoon».
O seu lanzamento está previsto ao longo deste ano e vén ser a proba empírica da constante evolución e aprendizaxe que Frontier levou a cabo ao longo desta última década. Sobre o escenario queren que os xogadores aprendan e gocen protexendo a estes animais aos que darán cabida nas diversas áreas que poderemos construír. Son as estrelas dun espectáculo virtual. Que especies veremos? Leóns, elefantes, cebras, xirafas ou hipopótamos. Tamén un oso grizzlie. Sen esquecer pequenos invertebrados como a feroz araña bananeira, e é que tamén poderemos crear salas con vitrinas para insectos, arácnidos e demais familias animais.
Nun mundo onde os zoolóxico son mirados e analizados máis que nunca pola súa concepción moral de exhibición, o estudio quixo recalcar a súa vertente educativa de protección que estes lugares e os seus traballadores teñen para cos animais, procurando que no xogo se senta da mesma maneira, dar un servizo de defensa e conservación cara a estas especies, afastando o concepto de mero parque de atraccións e gaiolas minúsculas.