Actualidade Platinum Games celebra os catro millóns de copias vendidas de Nier: Automata

Platinum Games celebra os catro millóns de copias vendidas de Nier: Automata

Ilustración de Hisayoshi, UI e Concept Artist.

Xornada de celebración dentro das oficinas de Platinum Games. Por que incharon os globos e sacaron a torta? Nier: Automata, un dos mellores videoxogos desta xeración, alcanzou a cifra dos catro millóns de copias vendidas (entre físicas e dixitais).

Aínda que o dato xa transcendera no último informe económico de Square Enix, foi agora cando o estudio xaponés quixo festexar o asunto dentro da súa páxina web, e subir unha serie de mensaxes de agradecemento asinados por boa parte do equipo encargado de Nier: Automata como artistas, programadores, técnicos de son… Algúns deseñadores mesmo se animaron a subir ilustracións orixinais sobre o título.

Ademais, Takahisa Taura e Hideki Kamiya, principais cabezas do proxecto, colgaron un vídeo de agradecemento en nome de todo o equipo no que aparecen rindo e positivos.

Nier: Automata continúa estando dispoñible en PC, PlayStation 4 e Xbox One. Unha compra obrigada a día de hoxe.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.