PlatinumGames aclara que Astral Chain non parte como unha triloxía

Actualización 27-06-2019
PlatinumGames quixo aclarar as palabras de Takahisa Taura, e explica que non están a traballar nunha triloxía, senón que todas as novas acontcidas onte debéronse a un erro de tradución ou interpretación por parte dun reporteiro.
«O artigo comentou de forma errónea que Astral Chain era o principio dunha triloxía», explicaba Taura en IGN Xapón. «O que realmente dixen, e nada máis, é que na miña mente había moitas cousas mentres desenvolvía Astral Chain e que chegado a un punto podería expandilas e usalas en dous xogos ou máis».
___________________________________
Que hai un interese crecente por Astral Chain dentro da comunidade de xogadores é evidente, por iso quizais non sorprenda comprobar que PlatinumGames xa está a traballar, mesmo antes do seu lanzamento, en considerar a súa nova obra a primeira parte dunha triloxía futurista.
O título, exclusivo de Nintendo Switch e que aterrará nas tendas o próximo 30 de agosto, aspira a se converter nunha saga. Takahisa Taura, director do proxecto, afirmou nunha entrevista con IGN que vería con moi bos ollos que se dese o caso, e que parte do traballo que están a realizar con Astral Chain xira ao redor desa posibilidade.
O executivo xaponés sinala que os plans a medio prazo descartan a inclusión de futuros DLC, polo que calquera camiño de continuidade viraría ao redor dunha continuación como tal. Agora ben, primeiro habería que ver como responde o público e se acadan as vendas adecuadas que permitan satisfacer os plans da compañía. Se todo vai ben, que sería o previsible, a historia continuará o seu curso de xeito natural.
A continuación, podes gozar do último gameplay amosado no E3 dos Ángeles, e así gozar da excelente xogabilidade da que fará gala este hack & slash.