PlayStation 4 xa é a segunda consola non portátil más vendida da historia

Sony conseguiu unha das metas máis cobizadas por calquera compañía. PlayStation 4 vendeu 102,8 millóns de unidades desde novembro do 2013. No último cuarto de ano, despachou tres millóns. Un número inferior ao do último pasado, pero suficiente para superar á PlayStation 1 como a segunda consola de sobremesa máis vendida da historia.
Así, a compañía xaponesa pode seguir presumindo de máquinas. O primeiro posto desta listaxe continúa nas mans da mítica PlayStation 2, aquela besta negra que vendeu 155 millóns de unidades. Porén, Sony pide prudencia, pois o atraso de The Last of Us: Part 2 é de esperar que afecte á estimación de vendas de comezos do vindeiro ano.
Máis aló dos números, o anuncio de PlayStation 5 é posíbel que tamén condicionase as vendas da consola desta xeración. Ora ben, Sony confirmou o aumento de vendas en PS Plus, plataforma na que ten 36,9 millóns de usuarios.
Con referencia ás primeiras liñas, de incluírmos as máquinas portátiles, PS4 asinaría unha cuarta posición por detrás de Game Boy —con 118,6 millóns— e a Nintendo DS orixinal —con 154,02 millóns—.
Rexistradas as marcas PS6, PS7, PS8, PS9 e PS10
Malia que Sony de seguro que ten ambiciosos plans de futuro, e que pode manter o mesmo nome de sempre para a súa máquina máis coñecida, hai unhas horas fíxose público que a empresa xaponesa vén de rexistrar as marcas PS6, PS7, PS8, PS9 e PS10; un xeito de protexer os seus intereses comerciais a longo prazo e evitar que outras empresas poidan explotar o nome.
Doutra banda, a compañía tamén anunciou o peche de PlayStation Vue, un servizo que permitía ver en PS3 e PS4 canles en directo ou programas baixo demanda sen unha subscrición a televisión por cable. Estaba só dispoñíbel en Estados Unidos.
[…] foi seu. A facilidade para o pirateo fixo o resto. Houbo que esperar até este ano 2019 para que unha consola da súa propia familia puidese superala en vendas —102,49 millóns de unidades— pero cun público total e potencial loxicamente maior. O […]