Actualidade PlayStation 5 :: Así funcionará o seu sistema de retrocompatibilidade

PlayStation 5 :: Así funcionará o seu sistema de retrocompatibilidade

A web de soporte de Sony arroxou luz sobre un dos temas máis controvertidos para a nova xeración para a compañía. Grazas á información proporcionada puidemos saber que as palabras de Jim Ryan sobre que o 99% dos títulos de PS4 serían retrocompatíbeis en PS5 son realmente certas.

Tanto é así, que apenas dez xogos forman a lista de obras que non será posible gozar na nova consola. Son as seguintes:

  • DWVR
  • Afro Samurai 2 Revenge of Kuma Volume One
  • TT Isle of Man – Ride on the Edge 2
  • Just Deal With It!
  • Shadow Complex Remastered
  • Robinson: The Journey
  • We Sing
  • Hitman Go: Definitive Edition
  • Shadwen
  • Joe’ s Diner

Aínda que non se detallou cales son, algúns xogos de PS4 contarán cun modo Game Boost, o cal permitirá aumentar ou estabilizar a taxa de fotogramas, reducir os tempos de carga ou aumentar a resolución até os 4K durante as partidas. Iso si, a mesma Sony tamén advirte que poderían producirse erros ou comportamentos inesperados durante o proceso de retrocompatibilidade.

Como poderemos gozar dos nosos xogos en PS5? Moi sinxelo. No caso de optar por comprar unha PS5 con lector de disco, unicamente teremos que manter o Blu-Ray en todo momento dentro da consola, namentres que para as obras dixitais, estas engadiranse á nosa biblioteca e estarán listas para ser descargadas en calquera intre. Por último, os xogos de PS4 poderán ser executados desde un disco duro externo.

Respecto a as partidas gardadas, teremos á nosa disposición unha ferramenta que permitirá a transferencia entre xeracións a través dunha rede Wifi, unha conexión LAN ou USB. Como vía alternativa, poderemos sincronizar as partidas a través do espazo na nube.

Sony recomenda que usemos os mandos de PS4 para xogar aos títulos retrocompatíbeis en PS5, xa que desta forma gozaremos da mellor experiencia posíbel. Tamén se desvelou a existencia dun menú Create, que substituirá ao botón Share presente até o de agora. Grazas a el poderemos sacar capturas e vídeos dos xogos retrocompatíbeis en PS5.

A función de retransmisión de partidas de PS4 co Live from PlayStation non estará presente en PS5, aínda que si que poderemos realizar esa retransmisión desde unha PS4 a unha PS5 grazas ao Remote Play. Finalmente, o HDR estará activado por defecto na nova consola, a cámara HD non poderá ser utilizada en PS4 e existirá unha compatibilidade absoluta con PlayStation Now.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.