Actualidade PlayStation 5 deixa ver o seu interior nun desmonte completo

PlayStation 5 deixa ver o seu interior nun desmonte completo

O último vídeo que publicou PlayStation di máis do que parece. Proxecta seguridade, xa que Sony demostra non ter ningún medo á hora de ensinar o seu produto ao completo; igual que proxecta certa sorpresa, ao facelo como foi facendo un pouco todo nos últimos meses: por sorpresa, case sen avisar, simplemente cun vídeo duns sete minutos. Simple, sinxelo, eficaz.

Así son as tripas da nova máquina de Sony. É o título que ben podería levar esta peza, na que Masayasu Ito, vicepresidente executivo de enxeñería e funcionamento de hardware de SIE, desmonta peza a peza a consola. O xaponés descríbea como unha «arquitectura deseñada dun xeito belo» grazas á súa «estrutura limpa e ordenada, o que significa que non hai compoñentes innecesarios e o seu deseño é eficiente».

Ao longo do vídeo podemos coñecer de primeira man a súa GPU AMD Radeon RDNA-2, a SSD que poderemos modificar no momento que vexamos necesario e a súa CPU. Todas eran cuestións xa coñecidas. Quizais un dos elementos máis rechamantes sexa o uso de metal líquido para disipar a calor. Este apartado, o da temperatura, era un dos que máis preocupaba á comunidade, asociado ao enorme ruído na ventilación da última máquina da compañía.

Semella que agora poderemos durmir tranquilos. PlayStation 5 contará cun sistema de refrixeración de calidade, cun gran ventilador de 120 mm de diámetro e 45 mm de grosor, o xa amentado metal líquido, e un disipador de calor que se describe como un dispositivo capaz de alcanzar «o rendemento dunha cámara de vapor» grazas á súa forma e ao fluxo de aire.

Non é ningún secreto e vese a primeira ollada: será unha consola grande, a máis grande do mercado. Sexa como for, parece que os seus deseñadores conseguiron ese obxectivo que era a inexistencia case total de ruído. Tamén se menciona a presenza de dous recolectores de po para evitar que se acumule suciedade na máquina.

Doutra banda, no vídeo tamén se aproveita a ocasión para mostrar os pasos para seguir en caso de querer poñer a consola en horizontal. Si, haberá que realizar un pequeno axuste en PlayStation 5 para pasar dunha posición a outra.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.