PlayStation 5 oficializa os seus primeiros pasos e anuncia retrocompatibilidade

Aínda hai oco para as sorpresas dentro da industria do videoxogo. Nun momento no que as compañías controlan de maneira minuciosa os seus anuncios e novidades, é imposible non sentir un agradábel sobresalto ao comprobar como o arquitecto xefe da nova máquina de Sony, Mark Cerny, ao longo dunha entrevista para Wired, decidía despexar varias das incógnitas sobre a futura consola da compañía de xeito oficial, sen a necesidade dunha retransmisión en liña ou unha conferencia programada.
E non son poucos os titulares que Cerny quixo dar durante a súa conversa. Aínda sen nome oficial, PlayStation 5 non sairá este 2019, será retrocompatible con PlayStation 4, terá lector en formato físico para os títulos que vaian saíndo e contará cun sistema de almacenamento SSD. Estas son catro das novidades principais que a futura máquina de Sony posuirá. Ata agora, tan só circularan rumores, conxecturas e avisos sobre patentes.
Mellor son e continuidade da VR
É un dos puntos que o arquitecto xefe de Sony quixo deixar claro. A nova consola será máis potente en cuestión de son, con capacidade para audio tridimensional, algo que se notará mesmo nunha televisión convencional. A nula evolución de PS3 a PS4 neste eido quere ser liquidada na próxima xeración. Doutra banda, a aposta pola realidade virtual segue presente, e as actuais lentes de Sony serán compatibles con PlayStation 5. Chegarán unhas novas nalgún momento? Para iso, si que non hai resposta.
Tripas más potentes (como non)
Todo cambio de xeración require dunha mellora notoria no soporte físico. CPU, GPU e memoria interna sufrirán unha mellora substancial. O procesador central estará baseado na terceira xeración de Ryzen de AMD, con 8 núcleos nunha microarquitectura Zen 2 de 7 nm. O procesador gráfico contará cunha versión personalizada da familia Navi, e soportará a tecnoloxía ray tracing, na procura dun maior realismo da iluminación na pantalla. Cerny tamén comenta a posibilidade de ser compatible con resolucións 8K. Oxalá, aínda que semella moi cedo lanzar tal afirmación sen maiores probas.

Segundo o propio Cerny, a viaxe rápida de Marvel’s Spider-Man reduciuse de 15 segundos a 0,8 segundos coa SSD do kit de desenvolvemento de PS5.
Cansado de agardar?
A inclusión dunha unidade de almacenamento SSD é, sen dúbida, un dos puntos máis celebrados de todos os nomeados na entrevista. Outorgará unha maior velocidade de carga aos xogos en todos os seus apartados e permitirá unha maior fluidez da cámara e da capacidade de debuxado do escenario presente no monitor. Púxose de exemplo o exitoso Marvel’s Spider-Man de PS4: o xogo tarda 15 segundos en cargar outra zona do mapa tras usar a opción de viaxe rápida. No kit de desenvolvemento da PS5, a nova zona cargaría en 0,8 segundos. Hai diferenza.
Por fin, retrocompatibilidade
Unha característica amplamente demandada pola comunidade de usuarios a todos os fabricantes. Por que non podo xogar aos meus vellos videoxogos nunha consola nova? Parece que Sony quixo abrir as oreellas e a nova consola si será compatible coa súa antecesora, PS4. É probable que isto teña que ver con non querer forzar aos estudios a refacer proxectos enteiros, e promover un cambio de xeración máis suave e práctico neste apartado, con xogos que poidan ser gozados nunha e outra consola. Non é algo novo. Tanto Death Stranding como Cyberpunk 2077 xa foron definidos en máis dunha ocasión, extraoficialmente, claro; como títulos interxeracionais.

A retrocompatibilidad con PlayStation 4 pódese relacionar directamente coa existencia de xogos interxeracionais.