PlayStation 5 recibirá este mércores unha importante actualización do firmware

PlayStation 5 recibirá este mércores unha importante actualización do firmware

Sony ten preparada a súa primeira gran actualización para o firmware de PlayStation 5. Este mércores, 14 de abril, a consola branca recibirá unha serie de melloras dentro do seu sistema, melloras que afectarán, principalmente, ao almacenamento e algunhas funcións sociais.

Despois da descarga e a súa instalación, o novo firmware permitirá pasar os xogos de PS5 a un disco duro externo para almacenalos e reinstalalos dun xeito máis áxil. Iso si, non se poderán descargar directamente nestes discos duros, senón que terán que ser copiados desde o disco interno da consola. É dicir, haberá que trasfegar si ou si o título.

Sexa como for, seguiremos sen ter activo o soporte para reproducir obras desde unha SSD externa, aínda que a compañía xaponesa di que están a traballar neste asunto. Doutra banda, dentro das melloras nas funcións sociais destaca a posibilidade de usar o SharePlay entre xeracións, é dicir, un xogador de PS5 pode deixar que un usuario de PS4 probe os títulos da consola nextgen a través do streaming. Tamén foi engadida a opción de para entrar en partidas de amigos en xogos compatibles, mesmo se son de xeracións distintas. En poucas palabras, habilitouse o xogo cruzado entre máquinas.

Na  entrada oficial do blogue de PlayStation están detalladas o resto de funcións, como a posibilidade de predescargar actualizacións de xogos, personalizar a biblioteca e novas opcións de trofeos. Por último, sinalar que a actualización tamén trae melloras para a aplicación móbil de PlayStation. Así, Sony promete que nun futuro próximo poderemos xestionar o almacenamento da nosa consola desde a aplicación.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.