Reportaxes PlayStation 5 :: Sony recréase nunha noite cargada de xogos e promesas

PlayStation 5 :: Sony recréase nunha noite cargada de xogos e promesas

Logo dunha longa espera, Sony mostroulle ao mundo o futuro que ten na cabeza para o sector do videoxogo. PlayStation 5 eríxese como a nova máquina dunha compañía que logrou ser a máis importante e de máis éxito dentro do terreo das consolas de sobremesa, moi por diante en vendas de Microsoft na xeración actual.  O seu obxectivo é manter ese reinado a través dun sinxelo esquema de éxito: grandes obras de seu e un hardware á altura.

A nova consola abandona o negro e aposta polo branco como envoltorio principal, imaxinando case un rañaceos rectangular de evidente arquitectura moderna, cunha iluminación azul que encaixa dentro do canon estilístico actual da industria, pero que quizais lle pase factura dentro duns anos. O tempo dirá. Alén de toda dúbida, a resposta por parte da comunidade foi máis positiva que negativa peante unha máquina que contará con dúas versións de saída: unha con lector e outra sen lector. Unha decisión que de xeito evidente repercutirá no prezo de venda, aínda descoñecido, e que será unha decisión bastante difícil para parte do público.

Aspecto do novo hardware. A consola tamén poderá poñerse en posición horizontal.

Ao longo dun directo de máis dunha hora, Sony quixo cumprir as dúas máximas que se lle esixían: calidade e cantidade. Máis de vinte e pico xogos foron amosados, deixando polo camiño un rastro de novidade, diversidade e grandes promesas. Houbo novos nomes pero tamén personaxes que ameazan con ser lendas, caso de Aloy; igual que houbo escuridade, houbo luz; igual que houbo representación tripla A, houbo propostas máis independentes. A compañía xaponesa deixou claro que en PS5 haberá sitio para todos os públicos e todas as propostas, un acerto para a galería e unha promesa ao ceo.

Que xogos apareceron na presentación? Sen máis, a continuación atoparás unha lista comentada de todas as obras que Sony quixo mostrar o día no que PlayStation 5 fíxose unha realidade con todas as letras. Comezando por unha chiscadela a un xogo que xa pon no punto de mira a súa terceira xeración, e acabando coa colosal continuación de Horizon Zero Dawn. Entre medias, un gato nunha cidade de robots, unha revisión dunha obra crave do medio, a volta dunha franquía de condución ao grande… Así quere ser a next-gen. Dálle aos nomes para ver o seu tráiler.

GTA V

Máis dun case sofre un infarto ao ver o logotipo de Rockstar aparecer como primeira imaxe da noite. Non, non era GTA VI, tampouco unha nova IP; era a inevitable aparición de GTA V na novena xeración, a súa terceira xa. A galiña dos ovos de ouro da compañía norteamericana non quere renunciar a seguir estando presente nas novas máquinas e confirmou, oficialmente, a súa presenza en PS5 e Xbox Series X.

É, sen dúbida, curioso comezar a presentación da nova consola falando dun videoxogo lanzado no 2013, pero a súa actualidade e presente son innegables. Sexa como for, Sony fixo ben en se quitar  este asunto rápido da mesa, dando paso logo a unha corrente ascendente de novos títulos e promesas.

Gran Turismo 7

Un dos títulos máis rumoreados durante as últimas datas e que finalmente aparece na grella de saída de PS5. Presentado o pai da criatura, Kazunori Yamauchi, Poliphony Digital regresa cunha nova entrega da súa saga máis querida. Gráficos espectaculares onde o ray-tracing fará marabillas para que os vehículos luzan mellor que nunca. A competición contra a franquía de Forza en Microsoft está servida, vaian quentando motores.

Marvel’s Spider-Man: Miles Morales

Acerto e fallo asemade. Acerto porque será un luxo saber que poderemos seguir disparando telarañas coa chegada de PlayStation 5, fallo porque Sony non especificou que sería realmente este anuncio. Aínda que moitos especularon cun novo xogo de Insomniac, xa se confirmou que será unha expansión do Marvel’s Spider-Man de PS4, que recibirá unha potenciación gráfica para a nova consola, xunto con este engadido.

O estudio, que agora forma parte de Sony, explicou que será unha ampliación da historia moi grande, expandindo o universo proposto nun dos xogos máis vendidos da consola xaponesa. Na práctica, e sendo sinceros, era imposíbel ter un xogo novo con tan pouca marxe de tempo sen abusar dunha reciclaxe absurda e evidente do anterior.

Ratchet and Clank: Rift Apart

Outro regreso dun dos dúos máis coñecidos de PlayStation, tamén coa firma de Insomniac detrás. Aínda que non faltaron á súa cita coa xeración de PS4, é posible que os seus últimos xogos non estiveran á altura do éxito que viviron durante a sexta xeración de consolas, aquela na que loitaron de ti a ti con Jack & Daxter.

A nova aventura loce brutalmente dinámica, cun xogo de escenarios horizontais e verticais que case marea só de velo. O subidón gráfico é evidente, igual que o é o de intencións, ao querer darlle o resplandor que outrora tivo esta franquía. Acción, plataformas, portais interdimensionais… O aplauso foi xeral perante outro exclusivo máis.

Project Athia

Non hai que quedar co nome máis do debido, xa que se trata dunha denominación temporal proposta por Square-Enix, a compañía responsábel detrás deste nova IP que presenta un universo de seu que explorar, onde a protagonista semella que terá unha serie de poderes cos que facer fronte aos desafíos que ache no seu camiño.

Trátase dunha obra de Luminous Productions, o novo estudio da empresa xaponesa, coa que prometen transportar o xogador até un mundo vasto e detallado, cheo de beleza e consternación. Será exclusivo de PlayStation 4, pero a letra pequena di que tamén aparecerá en PC.

Stray

Todo o que presenta Annapurna Interactive ten un aire máxico, e a súa primeira proposta para a retransmisión de Sony. «Perdido, só e separado da familia, un gato da rúa debe deesfacer un antigo misterio para escapar dunha cibercidade esquecida e atopar o camiño a casa», é a descrición que a editora fai do xogo creado por BLUETWELVE. Tamén chegará a PC.

Returnal

Unha nova franquía de Sony desenvolvida por Housemarque. Este estudio estivo enfocado no terreo do arcade pero a súa proposta trasládanos a unha contorna moito máis escura. En Returnal entraremos na pel dunha viaxeira espacial que chega a un perigoso planeta alieníxena após unha aterraxe forzosa. Na procura dunha forma de escapar dos horrores que lle acompañan na superficie terá que revivir de forma constante os mesmos eventos, incluída a súa propia morte. Porén, cada vez que morre, o planeta cambia. Será exclusivo de PS5.

Sackboy: A Big Adventure

Outro regreso inesperado e cunha visión distinta. Sackboy: A Big Adventure supón o retorno dos simpáticos personaxes do universo Little Big Planet que baseaba as súas mecánicas na creación de niveis. Sen unha data de lanzamento anunciada, nesta ocasión atopámonos cun xogo que lembra ás mellores plataformas de Nintendo, como Yoshi’s Woolly World. A cooperación entre compañeiros será fundamental para avanzar durante os niveis desenvolvidos polo equipo de Sumo Digital.

Destruction AllStars

Explosións, atropelos e accidentes. Ecléctico pastel o que mostrou Lucide Games, xa que neste arcade de condución competiremos en areas pechadas para destruír os coches dos nosos competidores. Os seus responsábeis foron os creadores de obras como Switchblade ou Geometry Wars 3: Dimensions e quixeron dotarlle ao xogo dunha estética propia, na que cada condutor contará cunha personalidade única. Sen data de lanzamento anunciada, podedes ver neste tráiler como loce este irmán dos Destruction Derby.

Goodbye Volcano High

Proposta narrativa da man de KO_OP, ambientada no fin dunha era, pero no nacemento dunha historia de amor. Semella que viviremos o ocaso dos dinosauros, pero dunha maneira singular e orixinal, a través da amizade, o cotián e a familia. Nunha primeira ollada, podería un establecer lazos con outras obras de corte dramático, como Life is Strange.

Posúe un delicioso aspecto entre o anime e o cartoon, e promete encher botellas coas nosas bágoas. Foi a mostra máis clara de que Sony non quere deixar de lado este tipo de obras máis intimistas e persoais.

Oddworld: Soulstorm

Personaxe clásico dunha saga lendaria, quizais hoxe máis oculta na memoria colectiva do medio. A nova aventura de Abe promete novas mecánicas intelixentes e a inclusión de dispositivos cuxa manipulación terá un resultado… explosivo.

Os seus deseñadores falan dunha parábola escura sobre unha épica historia ao redor dunha sociedade que se atopa cada vez máis no seu límite. Soa ben, sobre todo porque parece transmitir aquela claustrofóbica sensación que posuían os primeiros capítulos. Nunca se foi ao cen por cen pero presta ver que se a contar contando con Oddworld.

GhostWire: Tokyo

Probablemente, unha das decepcións da noite. Daquel colosal e oscuro adianto do último E3, pasouse a un título en primeira persoa ao que se lle notaron demasiado as costuras. A marcha de Ikumi Nakamura parece que deixou o título sen unha dirección artística excesivamente clara.

Tampouco hai que facer sangue, GhostWire: Tokyo pode funcionar, quizais o faga; detrás está un dos nomes máis respectados do medio, como é  Shinji Mikami, pero foi un dos adiantos con menos interese e menos comentados en redes da presentación.

Kena: Bridge of Spirits

Un dos xogos máis robustos e preciosos de toda a presentación. Kena: Bridge of Spirits trátase dunha aventura de acción cun misticismo de seu, na que estaremos acompañados duns simpáticos seres diminutos chamados Rot. Grazas aos seus poderes, poderemos mellorar as nosas habilidades e crear diferentes formas de manipular a contorna que nos rodea.

Será a partir de finais de ano o momento de poder gozar do xogo desenvolvido por Ember Lab, que chegará a PS4, PS5 e Epic Games Store.

JETT: The Far Shore

Conciso pero moi minimalista. JETT: The Far Shore deixou moito oco á imaxinación durante a súa presentación, pero si que se puido ver que volveremos embarcar nunha misión espacial para salvar o planeta Terra. Superbrothers son os encargados de poñernos aos mandos dun jett, a nave que outorga o título á obra, pilotada pola nosa protagonista.

Aventura de acción cinemática, foi a definición que os seus creadores utilizaron para un xogo que combinará primeira e terceira persoa na súa saída para PS4, PS5 e Epic Games Store a finais de ano.

Godfall

Foi o primeiro xogo que se anuncio, tempo atrás, para PS5 e a súa ausencia sería estraña. Simula ser un título interxeracional, centrado no multixogador e o xogo servizo. Unha aposta clara pola diversión sen máis pretensións que cumprir nas súas mecánicas e accións.

Como anécdota, resaltar a curiosa música que se elixiu para o seu novo adianto, que quizais soe… demasiado moderna, para o tipo de combate e estilo que se vía en pantalla.

Solar Ash

Annapurna Interactive continuou tendo os seus momentos de gloria durante a presentación. Nesta ocasión tocoulle a quenda ao novo de Heart Machine, pais dun dos grandes títulos independentes dos últimos anos, Hyper Light Drifter. Como adoita ser habitual na súa obra, o apartado artístico eríxese como un dos alicerces fundamentais do xogo. Aventura de exploración, plataformeo e espazos moi abertos nos que nos mover a gran velocidade. Chegará a PS5, Xbox Series X e PC nalgún momento do 2021.

Hitman 3

Aparición aplaudida e máis que interesante. O Axente 47 regresará cos seus asasinatos e as súas múltiples posibilidades nun novo capítulo dentro da franquía que IO Interactive conseguiu converter nun éxito de masas grazas a un traballo que mestura acción, sixilo e imaxinación.

Confirmouse que chegará para as consolas da actual xeración e da nova. Cando? En xaneiro do ano que vén.

Astro’s Playroom

Despois de se colocar como un dos xogos VR imprescindibles de Sony, o pequeno robot branco seguirá expandindo a súa historia nun divertido xogo de plataformas que vén precargado en PS5. Poderemos explorar catro mundos, cada un baseado nos compoñentes da consola da mesma. Cada área mostra un xogo innovador que aproveita as novas características do controlador sen fíos DualSense da PS5. É, por motivos obvios, exclusivo.

Little Devil Inside 

Outra proposta de belo aspecto, que parece fixarse na iconografía de Tim Burton para dar forma a un mundo cunha atmosférica única e de carácter semiaberto. Trátase dun título de rol de acción e aventura, con elementos de supervivencia, tal e como indican os seus deseñadores.

É unha obra que leva varios anos en desenvolvemento e que foi aparecendo en diversos medios ao longo dos últimos tempos, por se queres ver máis gameplay.

NBA 2K21

Os títulos deportivos forman unha parte importante da industria dos videoxogos e a franquía máis exitosa de baloncesto non se quixo perder o evento.  NBA 2K21 apenas mostrou un pequeno adianto do que nos agarda na nova xeración, onde podemos ver cada unha das pingas de suor no rostro dos xogadores. Non fallará á súa cita anual este outono para todas as plataformas.

Sen ser unha sorpresa, colocouse como un dos adiantos con máis reproducións nas últimas 24 horas. A expectación é real.

Demon’s Souls

Malia que Dark Souls pasará á historia por diversos motivos, entre eles xerar unha revolución de xogabilidade que aínda hoxe aparece herdada por multitude de títulos, a semente é anterior, a longa sombra de Miyazaki fíxose visible xa con Demon’s Souls. Regresará mellor que nunca. Bluepoint, que levaba demasiado tempo xogando coa expectación en redes sociais, confírmase como o estudio detrás deste remake.

Un título que en principio foi rexeitado polas altas esferas de Sony, que chegaron a sinalalo como aburrido, unha «merda». O tempo deulle a razón a Miyazaki, e onte a compañía xaponesa quixo emendar o seu erro a través de Shuhei Yoshida, que fixo de presentador para unha revisión que promete glorificar o que é, sen dúbida, un dos capítulos máis importantes dentro do medio.

Deathloop

Un xogo que desde a súa presentación no E3 desaparecera. Volveu, tal e como só Arkane sabe facer, cun aspecto brutal e dinámico que fixo saltar os comentarios positivos cara a unha proposta en primeira persoa que parte dun currículo absurdamente sobresaliente.

«La isla de Blackreef. Para la mayoría de sus habitantes, es un paraíso. Pero para Colt, es una prisión ineludible. Gracias a un misterioso timeloop, está reviviendo el mismo día, una y otra vez, tratando de encontrar una manera de romper el ciclo interminable en el que está atrapado. Como Colt, tendrás que eliminar ocho objetivos, incluida tu archienemigo Julianna Blake, si es que quieres escapar algún día. Pero recuerda: es un bucle de tiempo, así que si al principio no tienes éxito… muere, muere de nuevo». Así de bien se presenta.

Bugsnax

Sen dúbida, un dos xogos máis orixinais que se viron onte pola noite.  Bugsnax convídanos a comer estas pequenas criaturas, que se fundirán co noso corpo e proporcionarannos diferentes habilidades. Haberá 100 especies diferentes de Bugsnax que teremos que capturar usando todo tipo de ferramentas e cebos. O novo de Young Horses, creadores de Octodad: Dadliest Catch, chegará a finais de ano a PS4, PS5 e Epic Games Store.

Resident Evil Village

Formando un oito en números romanos  coas súas siglas, Capcom fixo unha aparición rumoreada, case confirmada, pero non menos importante, para nada. O novo capítulo da franquía Resident Evil marca o intelixente camiño que está a asfaltar a compañía xaponesa, cos zombis no pasado a través de brillantes revisións, e o misticismo, o terror psicolóxico e o folclore no presente.

A través deste primeiro adianto, a saga de terror engade novos elementos á súa proposta, que segue os pasos do seu último capítulo numérico e abre unha porta chea de posibilidades, lincántropos incluídos.

Pragmata

Un adianto que ben podería asinar Hideo Kojima. Intrigante proposta a que mostrou Capcom pensando xa no ao ano 2022. Un astronauta camiña por unha urbe totalmente baleira até que unha nena aparece e a gravidade logra levalos directamente cara á lúa. Terceira persoa nun ambiente de ciencia ficción, nun tráiler que deixa con gana de ver moitos máis detalles de Pragmata, que chegará a PS5, Xbox Series X e PC.

Horizon Forbidden West

O último anuncio da noite reservouse para a que foi unha das grandes triunfadoras da pasada xeración, unha personaxe que a comunidade quixo colocar como a nova heroína da marca PlayStation. Aloy seguirá ampliando o seu mundo nesta nova entrega, onde a historia seráe remotada xusto onde rematou o primeiro capítulo.

Cun apartado gráfico espectacular, o novo de Guerrilla convértese nun exclusivo que venderá máis dunha PlayStation 5 case de inmediato, ao prometer esa esencia que impregna os títulos orixinais da marca: poder visual, importancia narrativa e acción en terceira persoa.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.