Reportaxes PlayStation 5 :: Sony saca peito a base de promesas exclusivas

PlayStation 5 :: Sony saca peito a base de promesas exclusivas

Se hai algo do que Sony pode presumir sen temor a pecar de soberbia é que os seus eventos son unha explosión de atención mediática que a competencia non logra emular. Desde primeira hora deste mércores, PlayStation 5 era tema de tendencia. Foino todo a mañá, toda a tarde e, media hora antes de comezar o evento, unhas 150.000 almas estaban pendentes do inicio, dos catro símbolos da máquina, xa iconas pop. Uns minutos despois serían 335.000 na canle oficial. Se sumamos as emisións dos creadores de contido de todo o planeta, a cifra simplemente dispárase.

E namentres o mundo contemplaba a pantalla, os xogos foron aparecendo e desfilando. Houbo sorpresas e houbo rumores cumpridos. Final Fantasy XVI, Hogwarts Legacy, CoD… PlayStation 5 lembrou unha sinxela premisa: a nova consola terá de todo e para todos. Poderemos ser Spider- Man? Poderemos. Poderemos ser un alumno do lendario colexio de maxia e hechicería? Tamén. Volver meternos na pel de Kratos? Por suposto.

Amais de vellos coñecidos como Fornite ou Devil May Cry 5, Sony tamén puxo fin á incógnita da data e do prezo. Os dous modelos, con lector e sen lector, custarán 499 e 399 euros respectivamente, tal e como xa se viña rumoreando. A Europa a máquina chegará o 19 de novembro, unha semana antes aterrará no Xapón, Estados Unidos, México e outros países do Pacífico.

A continuación, acharás unha listaxe con todos los títulos presentados durante o directo.Alén dos nomes que verás, a compañía xaponesa presentou o servizo PlayStation Plus Collection, que permitirá gozar desde o primero día de moitos dos exclusivos de PlayStation 4. Semella ser a resposta de Sony ao enorme Xbox Game Pass. God of War, The Last of Us Remastered, Bloodborne… títulos máis que relevantes.

Final Fantasy XVI

Difícil unha apertura mellor para un evento desta clase. O novo capítulo da saga de Square-Enix é unha realidade que mira ao pasado de corte medieval en busca de inspiración.

Cun apartado técnico brutal, os combates gañaron en violencia, axilidade e vistosidade. Yoshida aparece de produtor e Ryota SuzukiDevil May Cry 5— como director e deseñador de combate. A expectación en redes está polas nubes.

Seguindo a tradición da saga e os seus últimos anuncios deste tipo… vai sen data de lanzamento nin xanela para iso. Aínda que iso si, será exclusivo de consola de PlayStation 5. Sempre? Polo menos un tempo.

Spider-Man: Miles Morales

Novo adianto dun dos lanzamentos máis esperados para a nova xeración. Spider-Man: Miles Morales mostrou todo o seu potencial nun gameplay no que o novo superheroe enfronta numerosos inimigos durante unha batalla nunha ponte.

Nunha liña moi similar ao visto na entrega anterior de Insomniac Games, dispoñeremos de múltiples opcións no escenario para afrontar os combates, podendo utilizar todo tipo de trebellos. As escenas cinemáticas espectaculares e a continuación do título do 2018 chegarán nalgún momento do 2020.

Hogwarts Legacy

Outra sorpresa e outro título que promete vendas millonarias. «Experimenta unha nova historia ambientada en Hogwarts no século XIX. O teu personaxe é un estudante que ten a clave dun antigo secreto que ameaza con esnaquizar o mundo máxico. Fai aliados, loita contra magos escuros e decide o destino do mundo máxico», reza a descrición oficial.

Dabondo é coñecida a comunidade de seguidores coa que conta Harry Potter. Aquí parece que terán un dos mellores xogos para vivir de forma dixital ese mundo.

CoD: Cold War

O clásico de cada ano. Activision tamén tivo a súa cota de protagonismo durante o evento de PS5 amosando un tráiler de Call of Duty: Black Ops Cold War. Unha espectacular secuencia de acción nun aeroporto foi a protagonista do novo de Treyarch.

A compañía anunciou que esta fin de semana estará dispoñíbel o acceso á alfa multixogador, de xeito exclusiva en PS4. Iso si, non será preciso dispoñer do servizo de subscrición de PS Plus para acceder ao contido. O título definitivo chegará a finais do 2020 a PS5.

Resident Evil Village

A saga de zombis empezou coa súa última entrega numerada un camiño novo, onde o terror chega a través non de mortos viventes, senón doutras criaturas e outra escuridade. Village seguirá ese roteiro cheo de tebras.

Chegará no 2021, malia que tamén o fará para a competencia.

Deathloop

Visita e percorrido pola nova obra de Arkane Studios. Deathloop mostrou as súas particulares mecánicas nun adianto no que puidemos comprobar como sacar partido a todas as habilidades para eliminar os inimigos. Poderemos mesmo compartir partida con outra persoa grazas ao modo cooperativo.

Facernos invisibles, posibilidades de xogar co espazo-tempo e unha pequena guerra entre diferentes personaxes que dominan diferentes espazos do mapa. Logo de ser atrasado até o 2021, o progreso realizado polo estudio pódese comprobar a través do seguinte vídeo.

Devil May Cry V

Sabe Capcom que PlayStation 5, coas melloras evidentes respecto da súa predecesora, é un territorio exquisito para explorar con Dante, Nero, V e Virgil.

O exitoso hack & slash aterrará na nova xeración cunha Special Edition que traerá novidades, máis aló de melloras no apartado visual que podos podemos agardar ou imaxinar.

Oddworld Soulstorm

O retorno dunha saga moi querida entre a comunidade. Oddworld Soulstorm trátase dunha reinvención do clásico de plataformas e quebracabezas, cuxa historia comezou a ser forxada hai máis de 20 anos, durante a época de PlayStation.

Unha ambientación moito máis escura á que nos ten afeita a franquía perseguirá a Abe, o carismático protagonista. A nosa principal tarefa será salvar os nosos compañeiros mudokon das garras dunha sociedade malvada. Máis explosións e contornas destrutivos espérannos en PS4 e PC ao longo do ano.

Five Nights At Freddy’s: Security Breach

O medo non estivo só presente con Resident Evil Village. Unha auténtica sorpresa foi o regreso de Five Nights at Freddy’s: Security Breach, a nova entrega da franquía que tivo un enorme éxito na internet hai uns anos.

Revelado hai preto dun ano, despois do quinto aniversario do lanzamento da primeira entrega, un pequeno teaser foi o aperitivo que puidemos coñecer do xogo. Aínda que non se mostrou gameplay, semella que o cambio de xénero cara ao survival horror será o novo rumbo escollido por Steel Wool Studios.

Demon’s Souls

Bluepoint Games fixo un traballo espléndido. É aínda pronto, si, pero o aspecto do renovado título de Miyazaki rompe calquera esquema de expectación que un poida debuxar.

Obra clave para entender a dinámica Souls que cambiou os xogos de acción e RPG esta última década, Demon’s Souls volverá á vida como o soño húmido de calquera fanático do creador xaponés.

Fortnite

Non podía faltar o xogo máis importante destes últimos anos. O battle royale de Epic estará en PlayStation 5 e así o quixo lembrar.

Recibirá, como é habitual, unha mellora visual e de rendemento. Queda Fortnite para moito tempo, parece.

God of War 2

A gran sorpresa. O one more thing xa típico. Un bis coidado e máxico para unha presentación que prometeu sorpresas e que as tivo.

Santa Monica Studios só ensinou un logotipo e unha voz no fondo, pero abondou para identificar o que chegará en 2021: unha nova aventura para Kratos. God of War 2: Ragnarok? Quizais ese sexa o seu nome oficial.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] se pode definir as horas posteriores ao PlayStation 5 Showcase de onte cunha palabra é confusión. Unha enorme cantidade de usuarios expresaron as súas queixas […]