Reportaxes PlayStation Classic. Un exercicio de nostalxia

PlayStation Classic. Un exercicio de nostalxia

A PlayStation Classic chegou ás miñas mans o día do lanzamento. Unha mini máquina do tempo que me transportou a comezos do milenio. Concretamente ao momento no que Papá Noel petou na porta da casa da miña avoa o 24 de decembro do ano 2000.

Ese día un dos paquetes co meu nome contiña no seu interior a versión reducida da PlayStation, a PSOne, e xa viña ‘chipeada’ de serie polo primo Roberto. En Ferrol din ‘chipear’ en lugar de piratear. Non sei se noutros lugares de Galicia empregan outros verbos para tan nobre arte. Exemplo de riqueza do léxico galego.

O caso é que case 18 anos despois, a vida deume unha segunda oportunidade coa primeira máquina de PlayStation que chega en plena ondada nostálxica no mundo das miniconsolas retro. Algo que estaba cantado tras os éxitos colleitados por Nintendo.

O ‘unboxing’

O packaging ten ese toque vintage que conquistará os ollos de máis dun coleccionista ou amante de cousas molonas. En canto abrimos a primeira caixa atopamos outra branca co logotipo da marca e dentro desta, por fin, está a consola.

As primeiras sensacións dos materiais é que están bastante conseguidos. Os mandos están realmente ben. O tacto recorda moito ao da máquina orixinal e o tamaño non é tan mini como para ser incómodo. A consola si é máis pequena, aínda que non tanto como as de Nintendo, e o todo está no seu sitio. Se te estás preguntando se a tapa se levanta xa che digo agora que non, foi o primeiro que probei.

Enchufar e listo

 Unha das vantaxes destas máquinas é que só temos que enchufar e poñernos a xogar. En canto a prendemos vemos os logotipos clásicos e escoitamos a música de PlayStation.

 

Pero tras o hype deste momentazo remember atopámonos cunha interface que fai que todo se baixe rapidamente. Feita con moi pouco agarimo, e na que a simpleza gráfica é digna dun emulador calquera que nos poidamos atopar pola Rede.

Os xogos

Toca falar do importante. Do que tanta polémica trouxo consigo. Os títulos que trae a PlayStation Classic. Concretamente son 20 e seguro que xa os viches en multitude de sitios. Pero como isto é un medio serio imos analizalos outra vez.

Atopámonos clásicos que non podían faltar e aos que o tempo lles sente realmente ben. O Tekken 3, o Final Fantasy VII, o Resident Evil ou o Metal Gear Solid son xogos dos que aínda podemos gozar nesta PlayStation Classic. Son parte do imaxinario colectivo dos que tantas horas pasamos diante da televisión xogando coa primeira consola de Sony.

Ao outro lado da balanza meteríamos títulos como o Grand Theft Auto, que con ese plano cenital é un xogo que envelleceu realmente mal e outros que pasaron sen pena nin gloria pola plataforma e non son significativos. Os Intelligent Qube, Mr. Driller

Despois están os que faltan… Aínda que realmente non están. O das ausencias, que se intenta xustificar con escusas de permisos e este tipo de cousas das grandes compañías, pero que os fans botamos de menos. En Morcego podes ver un artigo sobre os títulos que puideron formar parte do catálogo da PS Classic pero que finalmente foron descartados por diversos motivos.

Conclusión

A PlayStation Classic acaba de chegar ás tendas e aínda non sabemos como vai funcionar a nivel de ventas, que seguramente non lle vaia mal a Sony co invento, pero xa non hai ese perfume de gol que si vivimos coas retro de Nintendo. As reservas non se esgotaron rapidamente e en tódalas grandes superficies podemos atopar estantes repletos delas.

A moda do retro e do remake comeza a cansar? Podería ser. As compañías viron un filón e non están dispostas a deixar que a torta deixe de medrar. Un bo exemplo é esta PlayStation Classic, que non deixa de ser un artigo molón pero non imprescindible. Poderás vivir perfectamente sen ela e non te arrepentirás de non tela comprado. Estamos falando de gastarse 100 euros en algo feito con pouco cariño e que non se meteu, ou non puido, meterse na pel dos fans, que, ao final, somos os que mandamos.

Alexandre Pita
Alexandre Pita

Publicista. Clase media. Caucásico. Procrastinador.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *