Actualidade PlayStation cre que a falta de subministración das novas consolas alongarase ata o 2022

PlayStation cre que a falta de subministración das novas consolas alongarase ata o 2022

Non será fácil mercar unha PlayStation 5 este ano. Quizais cada vez sexa un proceso máis doado, con menos apuro, pero será case imposible que atopes unha máquina branca de Sony sen dono nunha tenda. A marca xaponesa ha confirmado nunha reunión privada con varios analistas da industria que non será capaz de igualar a demanda de PS5 ata o próximo ano.

«Non creo que a demanda se vaia relaxar este ano, e mesmo se aseguramos unha chea máis de dispositivos, e producimos moitas máis unidades de PlayStation 5 o próximo ano, a nosa subministración non será capaz de igualar á demanda», explica o executivo Hiroki Totoki, segundo a información publicada por Bloomberg. «Vendemos máis de 100 millóns de unidades de PS4, e tendo en conta a nosa cota de mercado e reputación, non podo imaxinar que a demanda decaia con tanta facilidade», sinala, doutra banda, o director financeiro Takashi Mochizuki.

Hai uns días, a compañía ofrecía os primeiros datos de éxito da súa nova máquina, ao revelar que xa vendeu máis de 7,8 millóns de unidades de PS5 entre novembro e marzo, o que a colocaba nunha estrea superior á anterior consola. Seguindo a información do medio internacional, estes ingresos de récord permitiron a Sony recomprar parte das súas accións, logrando aínda máis control sobre a compañía.

Por que non se fabrican máis consolas? Malia que hai diferentes factores á hora de responder esta cuestión, a día de hoxe é máis que sabido que o principal problema é a escaseza de semiconductores para a fabricación de certos compoñentes —algo que tamén esta afectando a outras miles de empresas relacionadas coa tecnoloxía—, e non parece que vaia haber unha solución áxil nos vindeiros meses. O asunto é tan serio que a propia Sony pensou en redeseñar algunhas partes de PlayStation 5, como un chip da CPU, para poder traballar con outros provedores e diferente material. Secasí, e segundo o comentado por Totoki, nin sequera isto aliviaría a demanda.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.