PlayStation Productions, a aposta de Sony polo cine

PlayStation Productions, a aposta de Sony polo cine

Sony quere aproveitar os seus potentes narrativas e levalas ao cinema ou á televisión. En declaracións a Hollywood Reporter, a compañía xaponesa acaba de anunciar a creación de PlayStation Productions, unha nova produtora audiovisual co obxectivo de traballar coas IP (propiedades intelectuais) de Sony para futuras adaptacións.

Non é un paso novo dentro da industria. Outras empresas como Blizzard ou Ubisoft xa abriron departamentos similares dentro das súas oficinas. O home encargado de liderar esta nova aposta de Sony non é outro que Asade Qizilbash, que leva once anos dentro da compañía e que desde 2017 ostentaba o cargo de vicepresidente de marketing de títulos exclusivos. O seu traballo será mirado con lupa por Shawn Layden, presidente de SIE Worldwide Studios.

The Last of Us, God of War… É ben sabido o portentoso número de títulos creados por Sony ao longo destes anos con narrativas máis que interesantes de adaptar á gran pantalla. A idea, en teoría, non sería transformar xogos de decenas de horas nun resumo de dous, senón realizar historias pensadas por e para a sétima arte. Non se descarta, mesmo, o uso de PlayStation Productions como un creador de experiencias entre xogo e xogo dunha franquía concreta, coa idea de que os seguidores teñan esperas máis levadías.

«Prestamos atención ao que Marvel fixo collendo as súas historias para transformalos no negocio máis grande do mundo do cinema», explica Layden. «Sería demasiado presuntuoso dicir que estamos a seguir os seus pasos, pero a verdade é que nos inspiramos niso». Iso si, todos estes procesos faranse sen présas, explica o directivo, e evitar calquera tipo de precipitación na construción do seu universo cinematográfico.

Shadow of the Colossus é un deses títulos que poderían ser adaptados nun futuro ao medio cinematográfico.

Twisted Metal, primeiro proxecto confirmado

O título creado por David Jaffe converteuse no primeiro proxecto da división Playstation Productions para televisión. O feito transcendeu tras unha reunión cos investidores por parte da compañía do país do sol nacente.

Non hai moitos máis datos sobre este anuncio, aínda que quizais poida sorprender a máis dun xa que Twisted Metal non é un dos nomes máis reconocibles dentro de todas as marcas que manexa Sony. Agora ben, está confirmado que nun futuro veremos os seus combates motorizados do mesmo xeito que gozaremos con todo un grupo de personaxes extravagantes e macabros.

Twisted Metal é unha saga de videoxogos de acción e condución que comezou  PlayStation alá polo ano 95. Na actualidade, conta con oito entregas, aparecendo o seu capítulo no 2012. É a franquía coa vida máis longa dentro da marca PlayStation.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados