Actualidade PlayStation regalará Horizon Zero Dawn e nove títulos máis polo Play at Home

PlayStation regalará Horizon Zero Dawn e nove títulos máis polo Play at Home

Dez xogos de balde. Si, dez. Sony decidiu que esta primavera podamos adquirir dez obras polo prezo de ningunha. Non hai trampa. Poderás engadilas á túa biblioteca e aí quedarán para sempre.

Todo forma parte da campaña Play at Home, xa na súa segunda edición, coa que se procura encher eses ocos de tempo dos confinamentos forzosos nos que nos vemos sometidos pola pandemia. Se hai unha semana a compañía xaponesa regalaba Ratchet & Clank, desta vez xa marcou no calendario a chegada de até dez xogos baixo a mesma premisa.

A estrela é Horizon Zero Dawn, que chegará na súa Complete Edition, polo que inclúe a súa DLC e ofrece horas de aventura nun mundo aberto vasto e belo, onde nos meteremos na pel de Aloy, a última heroína da casa PlayStation. A partir do 19 de abril e até o 14 de maio poderemos engadir o xogo á biblioteca por cero euros. Non será necesario ter unha subscrición a PlayStation Plus.

Os outros nove xogos da lista poderían ser considerados menores, pero hai auténticas xoias entre eles. No seu caso, poderán ser descargados a partir do 25 de marzo e así seguirán, sen custo algún, ata o 22 de abril. Son os seguintes:

  • Abzû
  • Enter the Gungeon
  • Rez Infinite
  • Subnautica
  • The Witness
  • Astro Bot Rescue Mission (PS VR)
  • Moss (PS VR)
  • Thumper (PS VR)
  • Paper Beast (PS VR)

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.