Actualidade PlayStation resume nun vídeo os lanzamentos exclusivos que terá no 2021

PlayStation resume nun vídeo os lanzamentos exclusivos que terá no 2021

En pouco máis de vinte días, 2020 chegará ao seu fin; un ano no que PlayStation puido presumir de éxitos e lanzamentos, de promesas e retos futuros. Coa mirada posta nese 2021 que se aproxima, a firma xaponesa acaba de publicar un vídeo no que repasa os lanzamentos de PlayStation 5 máis agardados, ofrecendo algún que outro detalle polo camiño.

PlayStation confirma que ao longo dos próximos meses verán a luz Horizon: Forbidden West, Gran Turismo ou Ratchet and Clacnk: Rift Apart. Non serán os únicos exclusivos da máquina branca. Deathloop e Ghostwire Tokyo tamén estarán dispoñibles antes que en ningún outro sitio neste sistema —durante un ano—.

Paga a pena prestar atención a Project Athia, o novo RPG de Square Enix que foi anunciado no seu día como exclusivo de PS5 e PC. Segundo o confirmado u nas últimas horas, o título será exclusivo da consola durante polo menos dous anos. Pouco máis se sabe da nova marca do estudio xaponés, alén de ser un ambicioso mundo aberto creado co motor gráfico Luminous Engine. E si, claro, Final Fantasy XVI tamén está en desenvolvemento, malia que sen data nin xanela de lanzamento.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.