Pokémon Diamante Brillante e Perla Relucente :: A revisión desexada aparece

A revisión de Pokémon Diamante e Pokémon Perla levaba demasiado tempo na lista do Apalpador, tamén na dos Reis. Por fin será unha realidade. Pokémon Diamante Brillante e Pokémon Perla Relucente son os remakes dos títulos da cuarta xeración que presentaron á comunidade a rexión de Sinnoh, aló polo ano 2007. Dous capítulos que se atopan entre os máis exitosos da serie entre o público.
Chegarán este ano, mais Game Freak non estará detrás da súa creación. O desenvolvemento destas obras corre a conta de ILCA, Inc., polo que abre un novo camiño para a saga tradicional. Este estudio xaponés xa apoiara anteriormente os desenvolvementos de grandes producións como NieR:Automata, Dragon Quest XI ou Code Vein, amais do xa coñecido Pokémon Home. Emporiso, tamén estará presente a man de Junichi Masuda, de Game Freak, veterano produtor e director da franquía. Innovacións as xustas.
Semella que a estética será un dos elementos máis renovados, con elementos visuais dacabalo entre World of final Fantasy e os Pokémon de Nintendo DS. Ora ben, as escenas cinemáticas e os combates serán en puro 3D, actualizados para a ocasión.