Actualidade Pokémon Direct :: Espada e Escudo expándense e Mistery Dungeon renace no 2020

Pokémon Direct :: Espada e Escudo expándense e Mistery Dungeon renace no 2020

Unha vez máis, os focos pousáronse sobre a Gran N. Nintendo realizou un dos seus clásicos Pokémon Direct, eventos en streaming durante os cales a compañía presenta as últimas novidades e os plans de futuro sobre unha das súas franquías máis exitosas.

Como non podía ser doutro xeito, Nintendo non defraudou. Durante a retransmisión anunciouse o pase de expansión de Pokémon Espada e Escudo, as últimas entregas da saga para Nintendo Switch. A illa da armadura e As neves da coroa serán as novas rexións que poderemos visitar durante a nosa aventura e nas que novos Pokémon, lendarios e formas Gigamax dos iniciais agardan.

Dividirase en dúas partes, as cales non se poderán mercar por separado, chegando a primeira delas a finais de xuño e a segunda a finais de outubro deste ano, custando 29,99 euros.

Volta ao mundo misterioso

As sorpresas non remataron aquí. Ao comezo do Pokémon Direct anunciouse o regreso dunha das aventuras máis queridas por todos os fans, Pokémon Mystery Dungeon: Rescue Team DX. Trátase dunha revisión para Nintendo Switch do clásico rogue-like desenvolto por Spike Chunsoft e lanzado en 2006 en Europa.

Poderemos probar se o xogo transmite as mesmas sensacións que outrora grazas á demo que xa se atopa dispoñíbel na Nintendo eShop. Chegará ás tendas de todo o mundo o próximo 6 de marzo.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.