Actualidade Pokémon Direct :: Nintendo arroxa unha chea de datos sobre Escudo e Espada

Pokémon Direct :: Nintendo arroxa unha chea de datos sobre Escudo e Espada

Moitas cousas foron as que Nintendo e Game Freak quixeron amosar ao mundo sobre os futuros Pokémon Escudo e Espada. Cos pés na terra, toca desfacerse do hype e explicar que novos detalles foron revelados ao longo deste último Pokémon Direct. Primeiro, a súa data de lanzamento: o 15 de novembro estarán dispoñibles en todo o mundo; tanto a súa edición estándar como a súa edición steelbook. Segundo, a chegada da cámara libre á franquía xaponesa, feito de vital importancia ao ser estes títulos os primeiros da historia en posuír tal característica.

Foron quince minutos intensos, que dúbida cabe. As expectativas eran altas e cumpríronse. A través dunha introdución cinemática disparáronse coma se fose unha metralladora diversos datos en forma de combates, escenarios e novos Pokémon. E si, tamén puidemos poñer nome a algunhas destas criaturas.

Wooloo é unha ben feitiña ovella, Goosifleur (e a súa evolución Eldegloss) é un belo Pokémon tipo planta; Drednaw é unha poderosa tartaruga de terra; e Corviknight aparece como un impoñente corvo sombrío.

Catro dos cinco Pokémon novos que foron presentados oficialmente.

Outra dos elementos a destacar englóbase dentro dos escenarios ensinados. Todo indica que serán variados e de enormes proporcións, rozando eses mapas de mundo aberto que outros RPG  como Dragon Quest XI posúen. A rexión de Galar toma como base a illa británica de Inglaterra e semella que esa idea anglosaxoa deixarase ver na construción das cidades e as súas contornas. Praderías, montañas, mares, minas, covas… Unha aventura á vella usanza.

Ademais, os creadores de Pokémon Escudo e Espada confirmaron a existencia dun clima cambiante e dinámico. Non será só algo visual, senón que segue o ronsel dos procesos de día e noite, provocando que algúns Pokémon só aparezan en determinadas zonas se o tempo acompaña.

Doutra banda, os combates contra os líderes de ximnasio prometen ser algo colosal, un momento imperdíbel para os habitantes da vila na que viven. Estes encontros terán lugar en portentosos estadios con bancadas cheas que animan e ouvean. Soa épico, coma pouco. Estes recintos gardan certas similitudes cos estadios de fútbol tradicionais de Inglaterra, polo que é posible que Game Freak queira homenaxear ao deporte rei, o máis popular da illa británica, a través desta maneira e equiparar a ilusión e a maxia dos Pokémon á do fútbol.

Deuse a coñecer tamén una das novas características que os novos títulos incluirán: a enerxía Dinamax. Unha especie de evolución coa que os Pokémon tranfórmanse en xigantes por un breve período de tempo (poderase usar durante tres quendas, unha soa vez por combate). Por suposto, os nosos compañeiros de aventuras gañarán forza e poder neste estado, visualmente incríbel. En relación con isto, o multixogador entra en escena para explicar que haberá incursións (tanto locais como en liña) coas que tratar de derrotar a Pokémon salvaxes que están neste estado de xigantismo permanente. Serán duelos de enorme dificultade, polo que a axuda será case obrigada. Ata catro xogadores contra unha soa criatura. Será suficiente? Por suposto, a recompensa paga a pena, e é que algúns Pokémon só poderán ser capturados (ou habilitará a súa captura) desta maneira.

Na forma Dinamax, os Pokémon aumentarán o seu poder e o seu tamaño ata límites insospeitados.

Novas caras para unha nova aventura

Como é habitual, tamén haberá novos personaxes nesta futura aventura, algúns moi famosos en todo Galar. É o caso de Lionel, o actual líder da Liga Pokémon, adorado en toda a illa. O seu irmán pequeno, Paul, será o noso rival máis íntimo e teremos que nos medir de ti a ti con el ao longo de todo o xogo.

A Profesora Magnesia e a súa neta Sonia serán tamén dous personaxes crave á hora de entender o mundo que nos rodea grazas aos seus coñecementos científicos.

Aínda que xa estaba confirmado, convén repetilo. De novo o protagonista poderá ser masculino ou feminino, a gusto do usuario que adquira un dos dous títulos posibles.

Un combate de lenda

Como agasallo final, os creadores quixeron compartir unha última escena que presenta aos novos Pokémon lendarios: Zacian e Zamazenta.

De aspecto feroz e de gran poder, parecen ser dous lobos cunha historia de rivalidade ás súas costas. Os símbolos da espada e do escudo están presentes de maneira máis que visible e locen xeniais. As redes acolleron con alegría o deseño de ambos, e é moi predicible que o seu papel dentro da historia da aventura terá unha enorme relevancia. O 15 de novembro disiparanse todas as dúbidas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Skiuv
    • En: 05 de Xuño de 2019

    Ten boa pinta. Aínda así creo que a saga ten que ser máis ambiciosa e dar un salto cualitativo como xa fixo Zelda. Veremos a ver…

      • Carlos Pereiro
      • En: 05 de Xuño de 2019

      Concordo 100 %.