Actualidade Pokémon Escarlata e Púrpura logran o maior lanzamento da historia de Nintendo

Pokémon Escarlata e Púrpura logran o maior lanzamento da historia de Nintendo

Nintendo confirmou que Pokémon Escarlata e Púrpura vendeu 10 millóns de copias —entre ambas as dúas edicións— en tres días, 72 horas, o que se traduce no maior lanzamento dun xogo de Pokémon, nun xogo de Switch e de todas as consolas de Nintendo. Conclusión? A estrea máis exitosa de calquera videoxogo da Gran N até hoxe.

Das cifras aportadas por Nintendo, 4,05 millóns de unidades serían en territorio xaponés, quedando os seis millóns restantes para o resto do mundo.

Ora ben, en cifras globais, os videoxogos da primeira xeración: Vermello, Azul e Verde (non chegou aquí), son os máis vendidos de toda a franquía, con 31,38 millóns. Unha barbaridade. De manter o ritmo, podería ser superado, claro, mais tamén Escudo e Espada tiveron unha estrea brutal e logo foron quedando atrás, até chegar aos 25,37 millóns de copias. Iremos vendo.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.