Actualidade Pokémon Escudo e Espada non terán 18 ximnasios

Pokémon Escudo e Espada non terán 18 ximnasios

Aqueles que coñecen e gozan da franquía Pokémon saberán que os seus títulos contan cun número determinado de ximnasios que marcan o principal reto a superar polos xogadores. Un artigo publicado polo medio internacional Game Informer provocou este xoves unha fervenza de titulares após indicar que a rexión de Galar contaría cun total de dezaoito. Game Freak tivo que aclarar a situación e a resposta é contundente: a información non é correcta.

A compañía xaponesa, facendo gala de boa xestión e evitando caer no enfado ou a rifa ao medio, explicou que quizais todo o malentendido veu provocado por un problema de tradución ou interpretación. Game Freak asegurou de forma oficial que «a cantidade de ximnasios será similar á vista nos xogos anteriores».

Entón, que hai de verdade na información sobre os dezaoito ximnasios? A existencia real dunha vintena de ximnasios que se distribúen en dous tipos de ligas: unha maior e unha menor. Cada ano actualizarase o número de retos dispoñíbeis. Así, os ximnasios que están abertos en Pokémon Espada variarán lixeiramente dos que están abertos en Pokémon Escudo.

Nese eido, xa se confirmou que os xogadores de Espada deberán entrar nun ximnasio do tipo Loita mentres que en Escudo deberán entrar nun do tipo Pantasma. Por suposto, e isto xa se confirmou hai tempo, a liga Pokémon e a súa superación será un dos arcos narrativos máis importantes da aventura.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.