Actualidade Pokémon Espada e Escudo amosa novas criaturas, formas Galar e viláns

Pokémon Espada e Escudo amosa novas criaturas, formas Galar e viláns

Aínda está quente, vén saído do forno; ollo, que queima! Nintendo vén de publicar nas súas canles de Youtube un novo adianto de Pokémon Espada e Pokémon Escudo con moitas novidades, algunhas especialmente rechamantes. Destaca a presentación oficial das formas de Galar —similares ás formas de Alola en Sol e Luna—, a presenza de novos Pokémon, así como futuros amigos, rivais e inimigos aos que plantaremos cara.

Weezing foi o Pokémon elixido para ensinar á comunidade estas novas formas de Galar. A criatura, que pertence a aquela afastada primeira xeración, pasará neste territorio a ser un Pokémon de veleno e fada, ademais de posuír unha forma autóctona máis que vistosa. Tamén se revelou a liña evolutiva de Zigzagoon e Linoone. Estes últimos pasan a ser do tipo normal e sinistro, ademais de ter unha evolución inédita: Obstagodon.

Aspecto do Weezin de Galar.

O adianto tamén trae novos nomes, como é o caso de Morpeko, do tipo eléctrico e sinistro. Trátase dunha criatura moi especial e cun deseño ben traballado. Posúe dúas formas: unha amábel e outra maligna. A súa habilidade Mutapetito permítelle cambiar dunha a outra durante o combate, en función da fame que teña. Esta transformación afecta á función do seu movemento máis característico, a Roda Aural.

Entre os novos personaxes humanos achamos a Berto e Roxy, dous nomes que xa se coñeciamos por mor dunha filtración pasada. Ambos os dous son aspirantes a Campión da Liga e bastante máis competitivos que Paul, o noso compañeiro de aventuras. E si, tamén se revelou o nome do grupo malvado desta rexión, o Team Yell. Novos viláns, con aspecto de rufiáns urbanos, que darán algún que outro problema segundo parece.

Pokémon Espada e Escudo chegarán en exclusiva a Nintendo Switch o vindeiro 15 de noviembre, marcando a estrea da oitava xeración de criaturas e lugares.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.