Pokémon Espada e Escudo convértense no xogo máis vendido de Switch na súa estrea

Atrás quedaron as ruidosas críticas sobre Pokémon Espada e Pokémon Escudo días antes do seu lanzamento. O novo título de Game Freak é xa un éxito absoluto ao conseguir que a comunidade de xogadores acuda, literalmente, en masa a por eles. Si, Nintendo Switch xa ten unha nova obra na súa pirámide de vendas iniciais. A oitava xeración de Pokémon vén de despachar seis millóns de unidades a nivel mundial.
Unha profecía que simulaba ser máis unha crónica anunciada cumpriuse, Espada e Escudo arrasaron en vendas na súa estrea. Non sorprende máis do incríbel da cifra, pois o tirón da franquía das pequenas criaturas está máis que demostrado. Os primeiros títulos da serie principal en chegaren á consola híbrida estaban destinados a ser un fito.
Os novos xogos colocáronse como os máis rapidamente vendidos da historia da máquina de Nintendo. Agora, haberá que esperar para comprobarmos se nos próximos meses superan a Mario Kart 8 Deluxe como obra máis vendida de Switch.