Análises Pokemon Let’s Go Eevee! e Let’s go Pikachu! Volta a Kanto

Pokemon Let’s Go Eevee! e Let’s go Pikachu! Volta a Kanto

Mesturar o éxito en móbiles, Pokemon Go, e un dos xogos da saga máis lembrado e querido como é Pokemon amarelo. Isto é o que ofrecen as novas entregas da exitosa franquía dos monstros de Nintendo.

¡Atrápaos a todos!

O certo é que esta entrega, xa denominada spin-off, simplifica ata o extremo toda a capa xogable máis complexa que hai nas entregas principais da saga. Obxectos equipables, habilidades, EVs, crianza por ovo, movementos ovo… Non grazas. No seu lugar, Game Freak optou por deixar un sistema bastante básico, que non simple, para que os xogadores novos que chegan dende a aplicación Pokemon Go non teñan demasiados problemas para entender o sistema de xogo.

E é que ata o nome destas entregas vén da versión móbil. Un rotundo éxito lanzado para teléfonos hai un par de anos e que aínda conserva un gran número de xogadores diarios activos. É cara ese público, o que non adoita xogar a videoxogos ou faino dende o móbil ou a tableta, ao que esta entrega tamén vai dirixida, implementando o sistema de captura de Go. Xa non podemos loitar con Pokémon salvaxes, debilitalos e atrapalos. Agora directamente usamos os Joy-con ou a Pokeball plus para lanzar unha Pokeball ao Pokemon que queiramos atrapar. Un control de movemento moi parecido ao da Wii. O xogos ofrécenos mesmo a posibilidade de pasar un Joy-coa un amigo e poder lanzar dous Pokeball en lugar dunha para facilitar así a captura.

O novo e o clásico

Un dos maiores acertos, para min, deste xogo e que espero que se conserve en futuras entregas é a supresión dos encontros aleatorios na herba alta ou nas covas. Agora os Pokemon pódense ver no escenario camiñando ao seu aire e só entras en modo captura cando fas contacto con eles. Esta formulación xa foi levada a cabo con éxito noutros xogos RPG como o recente Dragon Quest XI e facilita moito ao xogador non perder o tempo con combates innecesarios, algo que se agradece.

Outra das novidades, unha moi especial, é a de poder montar nalgúns Pokemon para ir máis rápido ou simplemente por pura delicia. É algo que fai que a inmersión na aventura sexa magnífica.

Antes mencionaba que este xogo é unha mestura entre Pokemon Go e Pokemon Amarelo, xa que sí, este título é dalgunha maneira un remake. E ben pode sacar peito porque o traballo para actualizar un lanzamento tan antigo é estupendo. Dende o apartado visual, que é incriblemente bonito e colorido, ata o redeseño no menú, pasando por inclusión de cinemáticas en determinados momentos da historia e os pequenos cambios nesta para incluír aínda máis referencias ao anime e o manga de Pokemon. O Team Rocket volve despegar de novo!

Pokemon Amarelo non era nin moito menos un xogo sinxelo. Pertence á primeira xeración así que é dos primeiros xogos onde non había practicamente indicacións sobre como avanzar en determinados puntos da historia ou as vantaxes e resistencias elementais entre tipos. Todo radicaba en probar.

Por sorte (e por desgraza) en Let’s Go! todo está moito máis claro. Aínda que isto pode axudar ao xogador novo, o exceso de axudas perxudica lixeiramente ao conxunto, non sendo un reto en absoluto, aínda que sen dúbida máis complexo que as últimas entregas, Sol e Lúa. Sen ir máis lonxe, o Pokemon inicial destas entregas, Pikachu ou Eevee, posúen unhas estatísticas demasiado elevadas o que facilita moitísimo gañar os combates durante a primeira metade do xogo.

Post-game

Que podemos facer unha vez rematemos a aventura e ocupemos o posto de campión da Liga? Pois ben, en Pokemon Amarelo non había moito que facer salvo completar a Pokédex e subir de nivel aos teus monstros.

Como novidade, estas entregas traen aos mestres adestradores. E é que hai cento cincuenta destes adestradores, cada un cun único Pokemon da primeira xeración con niveis entre o sesenta e o setenta e cinco, o que deriva en todo un reto xa que deberás deorrotalos… co mesmo Pokemon que eles posúen. O reto é especialmente difícil, non tanto pola batalla se non por adestrar e subir tantos niveis a todos e cada un dos Pokemon. É demencial subir 70 niveis a un Magikarp ou un Caterpie, o que me leva a pensar que só os máis atrevidos e ferreños superarán o reto de vencer aos cento cincuenta adestradores para alzarse co título.

Conclusión

Non mentirei, non esperaba que Let’ s go Eevee e Let’ s go Pikachu conseguirían rememorarme dunha forma tan ben traballada e bonita aqueles momentos a principios do século XXI nos que xogaba a ser adestrador Pokemon seguido por un Pikachu pixelado na miña Game Boy. O respecto polo título orixinal é extremo e a todos aqueles xogadores que xa peiteamos canas ofrécenos un pequeno respiro entre visitar o salvaxe oeste e sobrevivir nunha paraxe post-apocalíptica para lembrarnos o que tamén poder ser os videoxogos: ilusión e diversión sen maior pretensións.

Estes remakes cheos de novidades chegan para quedar. Son un exemplo perfecto de como volver traer á palestra xogos antigos dunha forma nova e atractiva tanto para os xogadores novos como para os máis clásicos. Cada vez hai máis exemplos no mercado.

Agora ben, pequeno tirón de orellas a Nintendo por necesitar ter a subscrición en liña de pago para poder intercambiar Pokemon a través da Rede, algo imprescindible para completar a Pokedex.

8.5

O mellor

  • Outro exemplo perfecto sobre como se poder facer un remake, mesturando o clásico co novo
  • Moi ben adaptada a xogabilidade de Pokemon Go ao uso dos Joy-con
  • A fórmula de facerse con todos os Pokemon segue sendo profundamente divertida e engancha, a pesar de ter só aos 151 primeiros Pokémon

O peor

  • É incomprensible que sexa necesario pagar subscrición en liña para poder intercambiar Pokemon a distancia, algo imprescindible para completar a Pokedex
  • En ocasións, a captación de movemento ao lanzar Pokeballs non é todo o precisa que debería
  • Demasiadas axudas para os xogadores novos, o que pode chegar a facilitar en exceso a aventura
Ismael Vidal

Músico e profesor. Apasionado dos JRPG e namorado de buscar cómics antigos en tendas esquecidas

Comentarios non permitidos
  1. […] Go, Eevee! están dispoñibles para Nintendo Switch dende o pasado mes de novembro de 2018. Ismael Vidal analizou o título para Morcego días despois da súa saída, e que definiu coma “outro exemplo perfecto sobre como se pode facer unha revisión, […]