Pokémon Masters :: Así e o novo título para móbil tras unha semana xogando

Comeza a nosa aventura en Passio!
Pokémon Masters é a nova aposta de The Pokémon Company e DeNA por achegar a franquía Pokémon aos nosos smartphones. Unha aplicación móbil na que o papel protagonista da historia non recae nos pokémon, como acotío, senón en adestradores tan icónicos como o poden ser os protagonistas da franquía coma Azul e Rojo, líderes do alto mando como Lorelei ou Bruno e líderes de ximnasio tales como Blanca ou Candela.
O xogo en si segue as mecánicas de xogos coñecidos en japón como “Gacha”. Esta nomenclatura é unha derivación da palabra “Gashapon”, que fai referencia a unhas máquinas moi populares no país do sol nacente na que por unha moeda, recibes unha cápsula con, polo xeral, un xoguete aleatorio. Esta mecánica expandiuse a este tipo de xogos, onde por un prezo en xemas, moedas, etc, podes facer un “recrutamento” e de xeito aleatorio un personaxe únese ao teu equipo. En Pokémon Masters esta é unha das formas que existen para recrutar parellas de adestrador e pokémon, chamadas “parellas compi“.
Sabendo isto, só nos queda empezar a descubrir que nos depara a rexión de Passio, onde é habitual que cada adestrador use un só pokémon en combates 3vs3 a tempo real. Segundo avanza o modo historia, habilítasenos a posibilidade de conseguir as Medallas da PML (Pokémon Masters League) para demostrar que o noso equipo de 3 adestradores e 3 pokémon é o mellor de toda a rexión.
Descobre a rexión de Passio en Pokémon Masters
A medida que vaiamos completando capítulos da historia, decatarémonos do que sucede por Passio, de que hai un misterioso equipo enmascarado que se dedica a sementar o caos pola rexión e coñeceremos a un grupiño de tres adestradores que serán os nosos rivais durante toda a aventura. Ademais, ao longo dos meses o xogo irase actualizando con misións de evento que poderemos completar para conseguirmos recompensas únicas.
Isto foi un resumo do lore que nos podemos atopar nesta app, pero, como nos afecta aos xogadores este xogo?
Pokémon Masters baséase en batallas en tempo real no que “parellas compi” formadas por un adestrador e un pokémon pelexan en batallas de 3vs3. Durante o combate, un medidor de habilidade permitiranos atacar e ademais, cada parella compi ten unha serie de habilidades pasivas que se poden utilizar polo xeral até dúas veces por combate. Estas habilidades poden recuperar vida, aumentar a nosa velocidade ou encher a nosa barra de acción inmediatamente, polo que o compoñente estratéxico á hora de realizar os combates é moi importante. A clave nas batallas é activar o voso “movemento compi”, un ataque especial que se pode usar en contadas ocasións durante o combate e que alén de ser un ataque devastador, pode ser a diferenza entre a vitoria ou a derrota. Este ataque, similar aos movementos Z de Sol e Lúa, conta cunha animación propia para cada parella compi que poñerá a proba o frame rate do teu teléfono móbil.
Cada parella compi ten asociado un rol, que pode ser atacante físico, atacante especial, apoio ou sabotaxe; doutra banda, o xogo simplificou as resistencias e as debilidades dos tipos nos pokémon facendo algo similar ao pedra, papel, tesoira; polo que buscar estratexias nos combates onde teñamos un atacante que faga counter ao rival, con apoios no resto do noso equipo, é a clave para a vitoria.
A cousa non remata aí, conforme avanza a historia desbloquéase unha forma de xogo multixogador tanto local con amigos como por Internet no que poderedes enfrontarvos a retos moito mais complicados de xeito conxunto cos vosos amigos e con novas formas de facer moito dano grazas a ataques combinados.
O xogo en si, a pesar de que non me guste admitilo, ten un gran compoñente de Pay to win a través de microtransaccións. Isto faise presente no momento no que o xogo divide as xemas —moeda que se utiliza para os recrutamentos— en xemas de pago e xemas de balde. Con esta diferenza, coas facilidades para a xente que pagou e cos prezos de recrutamento, que son máis baratos se usas xemas de pago, Pokémon Masters deixa clara a súa misión: «Págame, consegue aos teus adestradores favoritos e fai máis doado o xogo».
A maneira rápida de xogar se non queremos tirarnos horas farmeando obxectos e moedas é pagando con diñeiro real a través das odiadas microtransacciones.
Deixando isto de lado, o xogo visualmente é precioso. DeNA soubo adaptar os deseños da franquía dun xeito fantástico, polo que ver, por exemplo, adestradores dos cales non existía un modelo 3D e dos que non se volveu oír falar desde hai case dúas décadas é todo un punto positivo para os máis veteranos na franquía. Isto unido ao agarimo que lle puxeron á hora de realizar todos os diálogos entre adestradores, utilizando sempre o lore dos videoxogos principais, fainos sacar unha sonrisilla aos que levamos tempo gozando da franquía e ademais lémbranos o hype que temos agora que quedan menos de 70 días para a saída de Pokémon Espada e Pokémon Escudo.
Como consellos que vos podemos dar se estades a xogar a Pokémon Masters ou é a vosa intención facelo, é que todos os días iniciedes o xogo para beneficiarvos das recompensas gratuítas que tendes por acceder ao xogo diariamente, que farmeedes moito obxectos especiais nos eventos mensuais como o de Azul que está a ter lugar estes días e que usedes as localizacións especiais para coller experiencia e obxectos que vos servirán para mellorar ás vosas parellas compi.
Vémonos por Passio!