Actualidade Polémica coa nova política de distribución de beneficios de Steam

Polémica coa nova política de distribución de beneficios de Steam

Todo movemento de Valve dentro da súa plataforma dixital de venda e consumo de videoxogos vén acompañado sempre de diversas posturas, normalmente contrarias. A empresa norteamericana vén de modificar o sistema de porcentaxes de distribución de beneficios. Que ocorreu? Tras unha análise superficial da nova política, esta parecería beneficiar directamente ás grandes editoras e deixaría nun segundo lugar aos estudos independentes, xa sexan medianos ou pequenos.

Non tardou en facerse notar o descontento entre estas compañías. A gran maioría sinalaron a manobra de Valve como “unha labazada” para os seus estudios, a propósito que as vendas dos seus títulos raramente superarán os dez millóns de dólares… Por que se fala desa cifra? Até agora, os ingresos das vendas en Steam dividíanse tal que así: un 70 % do prezo ía para o editor, e un 30% para Valve. Podería dicirse que é un acordo habitual dentro da industria. Coa nova proposta, a empresa americana só quedará o 25 %, pero só se o xogo supera os 10 millóns de dólares, e o 20 % se pasa a barreira dos 50 millóns de dólares. Iso si, se non se supera ningunha destas cifras, manterase o 70 / 30 de sempre.

Non é un segredo. Valve admite que a medida chega para axudar ás grades editoras, ao considerar que os xogos de éxito masivo atraen unha chea de clientes á súa plataforma. Ao longo dos últimos meses comprobouse como moitas das compañías máis potentes da industria foron potenciando as súas propias plataformas de xogo. Claro exemplo sería Electronic Arts e o seu Origin, onde esgrime xogos como Battlefield V, FIFA19 ou Star Wars Battlefront II. Bethesda, por exemplo, evitou pasar polo aro de Steam para lanzar o seu Fallout 76, só accesible a través da aplicación da compañía. Fortnite, de Epic Games, só é xogable en PC dentro do seu propio “launcher”. Ou Activision, que publicou Destiny 2 e Call of Duty: Black Ops 4 en Battle.net.

É máis que evidente. Moitas empresas consideran que non necesitan un intermediario como Steam para lanzar os seus videoxogos, por iso non estraña que a aplicación de Gabe Newell queira beneficiar, dalgún modo, ás compañías con grandes pronósticos de vendas. Será suficiente para evitar a “fuga de empresas”? Haberá que velo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] tempos máis que interesantes no horizonte. Se apenas hai uns días Steam cambiaba a súa política de repartición de beneficios coas editoras de videoxogos, á espera de favorecer ás máis grandes, agora Epic Games quere […]