Actualidade Polygon-e será o primeiro estudio galego en Nintendo Switch

Polygon-e será o primeiro estudio galego en Nintendo Switch

Polygon-e Studios é unha das compañías veteranas do videoxogo en Galicia. Fundada en 2007 como unha empresa de software foron mudando cara esa vertente artística a cabalo entre o entretemento e a narración. Non sorprende, e non quita o meritorio do seu anuncio, que en novembro lograrán colocarse coma o primeiro estudio galego en lanzar un videoxogo en Nintendo Switch. Abrirán camiño.

A súa historia inclúe constancia e paciencia, tamén paixón polo seu traballo. Nunha industria con apenas axudas gobernamentais pese ao impacto económico da mesma, sobrevivir coma un estudio independente ten moito de heroico. Detrás da súa marca tamén se sitúan eventos coma o aplaudido Faneka Gaming, celebrado en Cangas do Morrazo. “Alí soubemos que había dos públicos: o xeralista, que quere pasalo ben e xogar; e os profesionais, estudantes, licenciados… Xente que quería traballar, xuntarse”, explica Miguel Areán, máximo responsable de Polygon-e.

Polo camiño tamén impulsaron o Centro Tecnolóxico para o Videoxogo, inaugurado este mesmo ano en Porriño. Un fío condutor para tódalas iniciativas relacionadas con este mundo dentro da nosa comunidade. Nel ofrécese apoio económico, asistencia, consellos… Un punto de encontro para os profesionais.

O 3 de novembro CricktoGame, o seu xogo de quebracabezas, chegará por fin a Switch. “É un cambio bestial. Publicar con Nintendo supón un esforzo enorme”, explica Areán. O seu título xa podía ser descargado na Google Play e na Apple Store. É un entretido xogo de combinación que encaixa incriblemente ben no catálogo da consola de Nintendo. “Tivemos que volver deseñar completamente CricktoGame. Cambialo todo. A calidade que esixe a compañía xaponesa é moi superior á que esixe unha empresa de móbiles ou Steam”.

É un fito que vén acompañado doutra boa nova, tamén será o primeiro xogo para Switch en galego. “Son pequenas grandes cousas as que conseguiremos con este lanzamento. Estamos moi contentos e seguros de que isto poderá axudarnos a referenciarnos como estudio local Para Nintendo. Non todas as empresas do país poden dicir que entraron no seu catálogo”.

Acadar o recoñecemento do xigante nipón non é unha tarefa doada. Son meses de creación e redeseño, negociacións e probas. “Cremos que con esta experiencia tamén poderemos axudar aos demais”, sinala Areán. “Agora xa sabemos o que piden e como o piden. Coñecemos de primeira man que é estar en Nintendo e poderemos aconsellar aos que agora queiran tamén probar sorte nese camiño”.

Non hai que trabucarse. Nintendo é unha empresa enormemente seria e que ademais posúe nas súas formas de traballar e resolver as cuestións unha orientación cultural concreta. Non é unha compañía norteamericana, francesa ou británica, e iso é algo a ter en conta. Con eles as cousas “hai que facelas ben” e non “máis ou menos”, ri o responsable de Polygon-e Studios. Os niveis de testeo polos que pasou CricktoGame eran descoñecidos para a empresa viguesa ata agora. Exhaustivos e concretos. Que nunha pantalla en concreto quitas o controlador e o volves meter e cólgase o xogo? Fallo marcado, reportado e a tratar de corrixilo.

“Hai algún momento de desesperación, claro. Pensa que é un error, e outro error, e outro… É un proceso de depuración moi lento, e iso que falamos dun xogo que xa existía. O primeiro que aprendemos con Nintendo é que os apaños con Nintendo non existen”.

Para poder traballar con esta versión, a empresa tamén tivo que facer unha inversión inicial na compra dunha Nintendo Switch especial para o seu desenvolvemento. Trátase dun lote para creadores que é obrigatorio mercar. Para iso tes que confirmar e demostrar a túa presenza no mundo laboral como deseñador. Non esquezamos toda a documentación necesaria a cumprimentar e entregar. Ten que estar nítida non, cristalina. Asemade, as traducións deben ser excelentes (CricktoGame chegará a Switch con oito linguas á escoller, entre as que temos galego, inglés, castelán ou xaponés).

Na actualidade, estase negociando en Inglaterra unha posible edición física, pero de momento tocará gozar do seu xogo a través da tenda dixital.

Oficinas de Polygon-E no centro da cidade olívica.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.