Actualidade PolygoneStudios lanza o Verkami de Luminon, o seu novo proxecto

PolygoneStudios lanza o Verkami de Luminon, o seu novo proxecto

O estudio vigués PolygoneStudios inicia hoxe a súa particular carreira contrarreloxo. Nos próximos corenta días deberá reunir a cantidade estipulada de diñeiro para unha nova campaña de Verkami, unha na que o desenvolvemento de Luminon é o obxectivo final e fundamental.

O novo videoxogo que se está a producir na cidade olívica posúe unhas raíces literarias que levan até o no nome de Marco Schettino. «Marco é un mozo que atopou na escritura a súa forma de expresión. Xa conta con dous libros infantís ilustrados publicados en varios idiomas, entre eles o español. A súa habilidade coa escritura levouno a dar un paso máis aló e un día acudiu a nós para pedir axuda coa súa última historia. Dos seus textos e os seus bosquexos quixo crear un videoxogo», explican desde o estudio.

A campaña, que xa está en marcha, ten agora algo máis dun mes para chegar á meta establecida en vinte mil euros. É posíbel colaborar co proxecto desde os cinco euros, aínda que a medida que sobe a achega tamén sobe o valor das recompensas que podemos obter, como é típico nestes proxectos de crowdfunding.

Luminon será un xogo destinado a ordenadores, para mozos entre 8 e 14 anos, de xénero plataformas, que contará a historia dos Neoten, uns seres que dominan o mundo, mais só ata que chega a invasión dos Slaark, intre no que a historia pode cambiar. PolygoneStudios, pola súa banda, é unha das empresas xa veteranas dentro da industria galega do videoxogo, con máis de dez anos de experiencia no sector, con títulos como Cricktogame, un dos seus fitos, situándose como o primeiro título en galego para a consola Nintendo Switch.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.