Actualidade Pontevedra celebra os seus 850 anos como cidade cun videoxogo de carácter histórico

Pontevedra celebra os seus 850 anos como cidade cun videoxogo de carácter histórico

Pontevedra quere celebrar o seu aniversario número 850 coa tecnoloxía e o lecer unidos. Ponte Veteri é un xogo desenvolto polo grupo de innovación docente ComTecArt, integrado por docentes da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O Concello de Pontevedra apoiou unha proposta que funcionará como un percorrido histórico pola Boa Vila medieval, no que os usuarios deberán ir achando, mentres camiñan polo centro histórico, diversos elementos para así resolver un enigma final.

O xogo virá acompañado do deseño dunha unidade didáctica para escolares e unha aplicación que engadirá contidos de realidade virtual á exposición O segredo da ponte do Burgo, que se inaugura este xoves 19 de decembro ás 18.30 horas no Pazo da Cultura.

Os xogadores  «terán que ir camiñando por Pontevedra para poder ir activando elementos e en cada un deles iranse atopando con minixogos, ata chegar a un enigma final que hai que resolver», relatou na súa presentación Antonio Pena, xunto con Beatriz Legerén, Olaia Ferrando e Xaquín Moreda. A obra dixital centrarase nas seis «confrarías máis destacadas naquela época», que constituían «elementos de cambio na cidade medieval». Como «mestre de cerimonias que vai ir guiando ao xogador», estará o personaxe do Lorichol, o médico da peste local.

Espérase que estea dispoñible ao longo das próximas semanas. Avisaremos do lanzamento.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.