Pontevedra quere deixarse levar polos videoxogos
O seu anuncio chegou en maio, pero coa data tan próxima conviña lembralo. O encontro de emprendemento máis importante de Galicia, o Pont-Up Store, terá lugar os próximos 20, 21 e 22 de setembro na Praza de España de Pontevedra. Dentro da súa programación, os videoxogos terán un espazo destacado, tanto na óptica do entretemento coma do negocio.
Destacan, por exemplo, os obradoiros prácticos levados a cabo por SPA-CC, e que serán realizados no Aula Informática da Casa das Campás. O seu número de prazas está limitado a 25, e pode formalizarse a inscrición aquí mesmo. Serán un total de catro citas ben diferenciadas: o venres 20, entre as 16.30 e as 20.30 horas impartirase o obradoiro práctico de creación de assets para videoxogos; o venres 21, entre as 10 e as 14 horas, levarase a cabo o obradoiro de creación de texturas para videoxogos; o mesmo día, entre as 16.30 e as 20.30 horas, realizarse o de motores de tempo real para videoxogos. O sábado, último día, entre as 10 e as 14 horas levarase a cabo un obradoiro práctico de impresión 3D.
Nesta cita tecnolóxica, a asociación Gaming Troop de Pontevedra xogará un papel de relevancia, ao levar as súas instalacións ata a facultade de Belas Artes da Uvigo. Unha boa maneira de ter constancia das actividades que están levando a cabo dentro da cidade, ademais de poder coñecer aos seus membros . Por outra banda, o propio venres 21, entre as 10 e as 19 horas, celebrarase un torneo da man de Smash Bros Galicia no mesmo edificio. Cabe dicir, que Smash Bros é, con moita diferenza, o videoxogo competitivo que máis citas e movemento presencial xera na comunidade galega.
A mesma asociación pontevedresa, da man da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta, dentro do seu programa de Iniciativa Xove, levará a cabo unha serie de eventos apenas uns días antes, entre o 17 e o 18 de setembro, tamén na Boa Vila. Primeiramente, realizarase un obradoiro práctico sobre montaxe e instalación de ordenadores, así como recomendacións á hora de comprar pezas e solucións de posibles erros (terá lugar tanto o luns 17, coma o martes 18; entre as 16 e as 22 horas, na rúa Álvaro Cunqueiro, número 3). Posteriormente, os asistentes interesados poderán gozar dunha charla sobre os eSports en Galicia e a súa situación actual da man dalgúns dos xogadores máis recoñecidos dentro da comunidade de Smash Bros Galicia (o propio luns 17, as 17 horas).
Ás actividades anteriores tamén se lles engadirá unha clase práctica sobre o competitivo de Smash (o martes 18), e unha partida de rol de tipo scaperoom (tamén o martes 18, entre as 17 e as 21 horas).
O rei dos MOBA, tamén presente
Da man The Cloud Gaming, tamén está previsto un torneo presencial de League of Legends dentro da facultade de Belas Artes de Pontevedra. Será retransmitido por Twitch, pola propia canle do ente organizador e tamén se contará cunha gran pantalla no recinto para poder vivilo in situ.
As inscricións estarán abertas ata o 14 de setembro ás 23:59. Se estás interesado podes formalizar a túa participación na páxina oficial http://thecloudgaming.com/pont-up/.
O torneo contará con dúas fases ben diferenciadas, primeiro unha previa en liña (entre os días 15 e 19 de setembro) e unha segunda metade presencial, na propia facultade o día 22 de setembro, dende as 10 da mañá. Todos os encontros contarán cun formato Bo1, agás a final, que será Bo3.
Tanto o primeiro coma o segundo equipo clasificado obterán un premio en metálico de 200 e 100 euros respectivamente. O resto de normas e directrices para participar, poden consultarse na xa citada páxina da organización.