Power Rangers: Battle for the Grid revive aos heroes dos 90 nun vídeo

Power Rangers: Battle for the Grid revive aos heroes dos 90 nun vídeo

Se viviches nos 90, viviches cos Power Rangers. Series, películas, figuras de acción e, como non, videoxogos. Todo iso tivo que ser teu nalgún momento. Hai pouco, o equipo de desenvolvemento nWay presentou xunto con Lionsgate Games e a colaboración de Hasbro un novo videoxogo desta franquía. Power Rangers: Battle for the Grid será un título de loita por equipos que chegará neste 2019 a PC, PS4, Xbox One e Switch. Hoxe publicouse un novo vídeo oficial.

Os combates serán entre equipos de tres.

O xogo reunirá as versións máis carismáticas das diferentes xeracións de Power Rangers para enfrontalos entre si a través dun sistema clásico de combate. Os duelos serán de tres para tres, e poderanse combinar poderes así como realizar técnicas especiais. Si, tamén haberá viláns, aínda que polo momento non se deixaron ver nas imaxes que nWay proporcionou á comunidade. Ademais, tamén estará permitido o xogo cruzado entre todas as versións dispoñibles no mercado (menos a de PS4), e mesmo permitirá gardar o progreso entre sistemas. Unha conta bastará para poder gozar do título en calquera formato.

A data prevista para o desembarco de Power Rangers: Battle for the Grid está estimada para abril en consolas, e uns meses máis tarde en PC. A súa versión básica terá un prezo de 19,99 euros. A outra posibilidade é abrir máis a billeteira, até os 39,99 euros e obter o pase de tempada, que incluirá a tres novos personaxes e un paquete de cosméticos. Ambas versións serán dixitais.

 

 

 

 

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados