Project 007, o novo videoxogo de James Bond que desenvolve IO Interactive

Desde IO Interactive proclamaron aos catro ventos que había un anuncio importante que facer e así o quixeron confirmar unhas horas despois. Os responsábeis da saga Hitman cambiarán o Axente 47 polo mítico 007, James Bond. Project 007 preséntase como o novo título do estudio, unha obra que terá lugar dentro do universo do espía inglés, pero que, en principio, non gardará relación directa coa película que aínda ten que ser estreada, Sen tempo para morrer.
O certo é que o teaser, alén do nome do título pouco máis ofrece. Haberá que agardar un tempo para ver se os seus responsables deciden achegar algo máis de información. Ora ben, si se coñece parte da súa narración após lermos a descrición oficial: «Obtén o teu estado 00 nun novo videoxogo de James Bond que será desenvolvido e publicado por IO Interactive».
Desde a páxina web oficial do xogo sinálase que «os xogadores entrarán na pel do axente secreto preferido de todo o mundo, na primeira historia da orixe de James Bond». Semella que viviremos os primeiros pasos do mítico axente dentro do MI6.