Project Iron é o novo proxecto de Mercury Stram, un ARPG de fantasía escura

Semella que son bos tempos para MercurySteam, que xa atopou financiamento para a súa nova obra, que se atopa nunha fase temperá de desenvolvemento. Será esta un ARPG de fantasía e leva por título Project Iron —non é o definitivo—.
Distribuído por 505 Games, supón o nacemento dunha nova marca (IP) dentro do estudio español. Non foron compartidos detalles fondos sobre o xogo, mais si é sabido que será multiplataforma e que contará cun orzamento próximo aos 27 millóns de euros. Na práctica, será unha colaboración a dúas bandas entre MercurySteam e Dixital Bros, estudio con sede en Italia.
«Estamos moi emocionados por colaborar co equipo de MercurySteam, un estudio experimentado que ao longo destes anos creou varias IPs fenomenais, incluíndo o recente e exitoso lanzamento de Metroid Dread en colaboración con Nintendo», reza a nota de prensa publicada por Dixital Bros. «Co talento e a visión creativa de MercurySteam e a ampla experiencia de 505 Games, os xogadores poden agardar un videoxogo de alta calidade, absorbente e atractivo».
Fundado en Madrid en 2002, MercurySteam foi o estudio responsable de Castlevania: Lords of Shadow, malia que nos últimos tempos volveu alcanzar unha relevancia mediática importante, logo do lanzamento —máis que exitoso— de Metroid Dread.