Actualidade Project Q, o futuro título multixogador de Ubisoft, ofrece os seus primeiros detalles

Project Q, o futuro título multixogador de Ubisoft, ofrece os seus primeiros detalles

A súa existencia foi filtrada nos últimos días —como marca a tradición da compañía francesa—, pero non foi até este luns, 25 de abril, que Ubisoft quixo confirmar de xeito oficial que está a traballar nun novo título multixogador PvP.

Leva por nome Project Q —aínda que mudará no futuro— e entra dentro do xénero de acción. Iso si, non será un battle royale, senón unha experiencia diferente, con varios modos de xogo. Esta nunha fase de desenvolvemento temperá polo que non hai data nin fiestra de lanzamento. Iso si, xa podes meter os teus datos persoais para participar nas betas e probas que veñan.

E non, non terá NFTs e estará dispoñíbel en PlayStation, Xbox e PC. É posíbel que nos vindeiros días apareza publicado o tráiler oficial.

E se mercamos Ubisoft?

Alén desta información, tamén foron aparecendo diversos rumores na fin de semana que apuntan a que Ubisoft estaría interesada en recibir ofertas de compra por parte de grandes compañías. A información xornalística foi publicada por Bloomberg e desatou unha boa fervenza de opinións en redes sociais, tanto de analistas como de xogadores.

«Varias firmas de capital privado, incluíndo Blackstone Inc. e KKR & Co., estiveron estudando a compañía francesa nunha especie de “preparación perante a compra”», aparece na publicación que tamén sinala que Guillemot estaría interesado en abandonar o posto de CEO máis pronto que tarde.

Sexa como for, os rumores dispararon o valor da empresa francesa en bolsa, que medra un 11 %. A compañía, nunha boa estratexia de comunicación, simplemente di que ten interese en seguir desenvolvendo grandes videoxogos e ampliar o seu catálogo. Mellor caladiños e deixando que o mundo faga as contas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.