Project Resistante, nome en clave do novo Resident Evil

Project Resistante, nome en clave do novo Resident  Evil

Capcom non quere deter a maquinaria. Após un par de anos cargados de éxito e recoñecemento, unha nova entrega deResident Evil antóllase obrigatoria para manter alto o listón. Project Resistance é o nome provisional dun título que se poderá probar entre o 12 e o 15 de setembro na Tokyo Game Show 2019. Uns días antes será presentado, o 9 de setembro, ás 17 horas ( CEST) nunha retransmisión oficial.

Seguindo a información achegada pola propia compañía, o novo Resident Evil estará dispoñíbel para PlayStation 4 Xbox One e PC. Non hai data para a súa chegada ás tendas, aínda que é previsíbel que o seu estado de desenvolvemento sexa avanzado, se xa se pode probar na feira xaponesa.

Hai un par de semanas que Capcom comunicou a resposta afirmativa de estar a traballar nun novo capítulo da saga de zombis, se ben queda por desvelar que clase de videoxogo será. A páxina oficial de Project Resistance xa está en funcionamento.

Resident Evil 3 vs Resident Evil: Outbreak

A revisión de Resident Evil 2, así como o cambio drástico que suxeriu Resident Evil 7, deu ás a unha franquía que comezaba a suscitar certo cansazo. Volver ao survival horror foi un enorme acerto, algo que a compañía con sede en Osaka simula querer manter.

Será un remake de Resident Evil 3 este  novo título? Quizais Resident Evil 8? Non hai unha resposta única. É certo que os rumores sempre apuntaron a unha revisión da aventura onde Némesis é o verdadeiro protagonista, malia que semella demasiado pronto. Pola súa banda, Resident Evil 8 soa máis a unha estrea ao grande para a seguinte xeración, aínda que non se pode descartar tal opción.

Ora ben, nos últimos meses comentouse dentro dos circuítos de medios a posibilidade de que Capcom estivese coqueteando coa idea de recuperar o apartado Outbreak, é dicir, un novo título multixogador en liña coa supervivencia e a cooperación como base para vencermos as dificultades. Porén, a propia compañía amosouse fría perante as preguntas dos usuarios sobre recuperar esta modalidade de xogo.

Actualización (17h)

As filtracións están tan á orde do día nesta industria; é difícil gardar un secreto máis aló dunhas horas. Xa están viaxando pola rede as primeiras imaxes do xogo, segundo parece sacadas da propia canle de Youtube de Capcom, do vídeo que retransmitirán o próximo día 9.

Sen dúbida, habería que descartar a revisión de Resident Evil 3, e agardar un xogo cooperativo dentro do universo zombi creado pola compañía xaponesa.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados