Actualidade Project Z, o novo título de rol e acción de Dragon  Ball

Project Z, o novo título de rol e acción de Dragon Ball

Moitos xogadores ao longo do globo estiveron pedíndoo, e Bandai Namco por fin deu un paso cara adiante. Na final de Dragon Ball FighterZ World Tour, que se celebrará do 26 ao 27 de xaneiro, a compañía confirmou que ofrecerá información sobre un novo título da saga Dragon Ball. Agora ben, non será un xogo de loita, senón un RPG que leva por nome Project Z, polo menos de maneira provisional.

Este é o título ao que recentemente se referiu Masayuki Hirano, responsable de Super Dragon Ball Heroes: World Mission e Dragon Ball Xenoverse 2, cando sinalaba a posibilidade de “anunciar outra gran noticia” en declaracións pasadas.

Polo momento pouco máis se sabe sobre Project Z, máis aló do seu nome e de situarse dentro do universo creado por Akira Toriyama. Non será o primeiro RPG que toma como base a obra do xaponés, xa que mesmo se chegou a lanzar ao mercado un MMORPG, como foi Dragon Ball Online, no 2010.

Dragon Ball FighterZ dá a benvida a Jiren

Doutra banda, Bandai Namco tamén fixo público esta semana a chegada da segunda tempada de Dragon Ball FighterZ, o exitoso xogo de loita multiplataforma. Si, novos combatentes chegarán á pantalla. Jiren, o guerreiro máis forte do Universo 11, será unha das primeiras incorporacións. Este novo personaxe, que fixo o seu debut na Saga da Supervivencia Universal do anime e manga de Dragon Ball Super, colocouse como un dos máis populares da actualidade no referente a Son Goku e as súas aventuras, polo que non é estraña a súa incorporación ao persoal de loitadores.

Jiren loitando contra Goku.

A primeira tempada de Dragon Ball FighterZ incluíu oito personaxes adicionais para o xogo: Androide 17, Goku Base, Vegeta Base, Bardock, Broly, Cooler, Vegito e Zamasu.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *