
PS4 sitúase en 113,6 millóns de consolas vendidas e PS5 comeza a batir récords
Cos resultados fiscais na man, Sony pode sorrir abertamente. Os datos financeiros do segundo trimestre do ano fiscal, de xullo a setembro de 2020, arroxan algúns números encomiables para a marca xaponesa. Primeiro, polo aumento no número de xogos (software) vendidos, segundo, porque PlayStation 4 segue aumentando o número de unidades distribuídas, mesmo con PS5 no horizonte máis próximo.
A PlayStation actual superou os 113,6 millóns de unidades. No últimos tres meses, as tendas despacharon máis de 1,5 millóns de consolas. Isto é case a metade das vendas polas mesmas datas no ano pasado, mais a situación é radicalmente diferente.
Doutra banda, as subscricións a PlayStation Plus aumentaron durante estes últimos meses, e sitúanse nos 45,9 millóns de contas, fronte aos 107 millóns de usuarios activos de PlayStation Network rexistrados mensualmente. Os datos falan duns 80,9 millóns de xogos vendidos durante o trimestre na consola, un aumento do 14,6 % con respecto do ano pasado. Dos 80,9 millóns de unidades, 12,4 millóns foron títulos first party, e o 59 % dos xogos proceden das vendas dixitais.
Doce horas para igualar doce semanas
Malia que ten moito camiño por diante, un roteiro que realmente nin empezou a percorrer co público, PlayStation 5 xa logrou as súas primeiras vitorias. Segundo Jim Ryan, CEO de Sony Interactive Entertainmente, as reservas de PS5 en Estados Unidos igualaron nas súas primeiras doce horas ás de PS4 nas súas primeiras doce semanas. Sen ofrecer cifras concretas, semella que a nova consola xa partirá como unha das máquinas máis exitosas da marca no seu debut.
O lanzamento de PS5 está programado para este 12 de novembro en Estados Unidos, Xapón, México, Corea do Sur e Nova Zelandia; mentres que en Europa chegará unha semana máis tarde, o 19 de novembro. Segundo os cálculos establecidos pola compañía, esperan vender uns sete millóns de unidades no seu primeiro ano.