Actualidade Psyonix detalla o sistema que substituirá as lootboxes en Rocket League

Psyonix detalla o sistema que substituirá as lootboxes en Rocket League

Psyonix confirmou este verán que substituiría o sistema de lootboxes presente en Rocket League desde o seu lanzamento. A idea é minimizar a idea do azar como principal avance na obtención de obxectos dentro do título. A través dun comunicado, desvelouse que sistema foi o elixido para aplicar no título multixogador. Engadirase a finais de ano.

«Cando xogues un partido de Rocket League, terás unha oportunidade de obter un plano, un novo tipo de recompensa que substituirá ás caixas. Cando recibas un plano, mostrarase exactamente que tipo de obxecto podes crear con el a cambio dun prezo fixo. Unha vez que os planos estean no teu inventario, podes pagar para crear o ítem que ofrece e recibilo inmediatamente, ou ben deixalo no teu inventario e crear o obxecto máis tarde», explícase na entrada oficial. Agora, os xogadores poderán realizar micropagos, si, pero saberán con exactitude que tipo de obxecto obterán cos seus cartos.

Na actualización que achegará o novo sistema, engadirase unha tenda de obxectos que ofrecerá novos cosméticos e permitirá comprar o contido dalgunhas caixas botín de tempadas pasadas. Utilizarase un tipo novo de moeda, os créditos. Por suposto, as vellas chaves converteranse en créditos chegado o momento. Doutra banda, todas as caixas que os xogadores teñan sen abrir transformaranse nun plano da mesma categoría.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Xogón
    • En: 06 de Outubro de 2019

    Non xogo ao Rocket League pero semella unha boa nova e un pasiño cara unha menor explotación dos xogadores. Alédome da decisión!