Actualidade Ragnarok recupera o código de Rune 2 após unha disputa legal

Ragnarok recupera o código de Rune 2 após unha disputa legal

É difícil non pensar que Rune 2 tivo un dos lanzamentos máis desastrosos dos últimos tempos. En novembro, a desenvolvedora Human Head Studios pechou as súas portas tan só un día despois da publicación do título, para logo reabrir co nome de Roundhouse Studios baixo o amparo de Bethesda. Ragnarok, editora de Rune 2, quedaba sen acceso ao código fonte e assets do xogo.

A compañía tivo que se decatar pola prensa de todo este asunto, polo que amais da desagradable sorpresa tamén se viu na tesitura de non poder correxir e mellorar a obra recentemente saída ao mercado. Unhas semanas máis tarde do peche do estudio, a editora formalizaba unha demanda contra Human Head Studios na que sinalaba o incumprimento do contrato asinado por ambas as dúas partes. Hoxe, semella que a confrontación avanzou un bo treito, pois Ragnarok vén de recibir un disco duro con todo o material necesario para dar continuidade a Rune 2.

«A finais da semana pasada, recibimos un disco duro que contiña os recursos e o código de Rune 2», comenta a editora no seu blogue oficial. «Trouxemos enxeñeiros para que verifiquen a integridade do material e asegurar que o disco contén a totalidade dos arquivos do xogo». O obxectivo de todo este entramado é poder lanzar parches que arranxen os diversos problemas que arrastra a obra dixital e asegurarlle un futuro a curto e medio prazo. A súa acollida foi fría por parte de crítica e público.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.